Pestanas principais

O Concello de Ames presenta 836 facturas para acollerse ao plan estatal de pagamento a provedores por un importe de 2,2 millóns de euros

Venres, 16 de marzo de 2012

[16-03-2012] O Concello de Ames decidiu adherirse ao mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. Os Servizos Económicos do Concello de Ames remitiron onte ao Ministerio unha relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que suman un importe total de 2.228.813,65 euros. Trátase de obrigacións pendentes de pago a contratistas, vencidas, líquidas e esixibles, relativas a contratos de obras, servizos ou subministración incluídos no ámbito de aplicación do texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

O Goberno municipal incide en que este plan de pagamentos permitirá responder de forma eficaz á complicada situación económica herdada, na que moitas empresas que estaban a traballar co Concello de Ames non tiñan un horizonte claro para cobrar polo servizo prestado. Segundo o alcalde Santiago Amor, "a decisión de acollerse ao plan estatal de pagamento enmárcase no noso obxectivo prioritario de procurar solucións áxiles e concretas ante a crítica situación económica que estamos a vivir". "Temos que traballar con eficiencia e responsabilidade cos nosos provedores, sendo capaces de optimizar todos os recursos ao noso alcance", sinalou.

Neste sentido, os responsables municipais aseguran que este novo mecanismo contribuirá a consolidar o traballo xa feito nos últimos meses para dotar de liquidez o Concello de Ames. Así, lémbrase que a formalización dunha operación de tesouraría co Banco Bilbao Vizcaya Argentaria permitiu xa ao Concello de Ames no mes de febreiro dispor dun límite máximo de 2.775.000 euros, a través dunha conta de crédito, para afrontar pagamentos de facturas a provedores.

Desde o Goberno municipal incídese ademais na importancia de ter conseguido a liquidación das contas de 2010 dentro do exercicio de 2011, feito que permitiu asegurar a transferencia de 400.000 euros que o Concello de Ames recibe mensualmente como participación nos tributos do Estado. Segundo o alcalde Santiago Amor, "conseguimos desbloquear no mes de outubro unha situación moi complicada debido á falta de planificación dos anteriores responsables do Concello e fixémolo, en grande medida, grazas á implicación e o esforzo dos Servizos Económicos municipais".

Do mesmo xeito, ter liquidadas as contas en prazo permitiu tamén que o Concello de Ames siga optando ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica estableceu por decreto que, para concorrer ás súas convocatorias de axudas, as entidades interesadas deben ter pechado o exercicio anterior.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames envía a Madrid facturas por importe de 2.229.000 euros"