Pestanas principais

O Concello de Ames preparou unha exaltación de produtos de Outono para celebrar a festa do Magosto 2013

Venres, 08 de novembro de 2013

[08-11-2013] O vindeiro sábado 16 de novembro, a partir das 17:00 horas, a praza de Manuel Murguía do Milladoiro acollerá a festa do Magosto 2013, na que haberá castañas, pan con chourizo, doces caseiros e bebidas. Os grupos O Ghusto do Boi e Follas Novas encargaranse da animación e da música. Ademais, pola mañá, haberá unha saída micolóxica para recoller cogomelos. O punto de partida está fixado ás 10:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Posteriormente, ás 16:00 horas, na festa do Magosto, farase a identificación e exposición dos cogomelos recollidos.

Recollida de cogomelos
Este mesmo sábado, 16 de novembro, pola mañá desenvolverase unha saída micolóxica para recoller cogomelos. O punto de partida está fixado ás 10:00 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Esta actividade desenvolverase entre as 10:00 h e as 14:00 aproximadamente. Os participantes irán camiñando pola Senda Verde (dende O Milladoiro ata a a igrexa de Bugallido). O profesor José Manuel Castro Marcote iralle explicando aos participantes as boas prácticas que hai que ter en conta para recoller cogomelos. Tamén se impartirán unha serie de nocións para aprender a diferenciar as distintas especies de cogomelos e a súa comestibilidade ou toxicidade. Nesta saída farase especial fincapé en amosar a importancia ecolóxica dos cogomelos.

Organizaranse varios grupos co fin de non esquilmar só unha zona de monte concreto. Os participantes terán a acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...). Xa pola tarde, farase unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do Magosto. Entre as 16:00 h e as 19:00 horas farase a identificación e clasificación dos cogomelos recollidos. Trala exposición os cogomelos serán devolvidos ao monte para que as esporas caian na terra e volvan a nacer novos cogomelos.

Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información sobre esta actividade poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665. Para esta actividade non hai un límete de prazas. As inscricións haberá que realizalas antes das 14:00 horas do vindeiro venres 15 de novembro. Todas as persoas que participen na saída micolóxica deben levar unha cesta e un coitelo. A recollida farase de acordo coas boas prácticas ambientais.

Tralo éxito do ano pasado, o Concello de Ames decidiu volver a organizar unha exaltación de produtos de Outono para celebrar o Magosto de 2013. As Concellarías de Cultura e Medio Ambiente teñen preparadas varias actividades para o vindeiro sábado, 16 de novembro. Este ano a celebración desenvolverase na praza de Manuel Murguía, que está situada no Milladoiro. Deste xeito, ás principais celebracións municipais vanse rotando entre Bertamiráns e O Milladoiro. O ano pasado organizouse en Bertamiráns e este ano tócalle a quenda O Milladoiro.

A festa do Magosto, que comezará as 17:00 horas, contará con música a cargo dos grupos O Ghusto do Boi e Follas Novas. Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, comezará a degustación gastronómica. Haberá castañas, pan con chourizo, doces caseiros e bebidas. Ademais, as familias dos alumnos/as de 6º de Primaria do CEP de Ventín porán a venta produtos artesanais co fin de recadar fondos para a excursión de fin de curso. Para obter máis información sobre estas actividades poden chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.org.