Pestanas principais

O Concello de Ames preparou un amplo programa de actividades para celebrar a Festa do Magosto 2014

Venres, 07 de novembro de 2014

[07-11-2014] O vindeiro sábado 15 de novembro, a partir das 17:00 horas, a praza de Chavián, en Bertamiráns, acollerá a festa do Magosto 2014, na que haberá castañas, pan con chourizo e bebidas. Os grupos a Requinta da Maía, pertencente á asociación Follas Novas, e a Requinta da Laxeira encargaranse da animación e da música. Pola mañá, ás 10:30 horas, haberá unha saída micolóxica para coñecer novos aspectos sobre os cogomelos. Ademais, a partir das 11:00 horas, tamén se impartirá un obradoiro de construción de xoguetes sonoros e instrumentos na Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola tarde, impartirase este mesmo obradoiro e outro de maquillaxe e globoflexia na praza de Chavián.

Tralo éxito dos dous últimos anos, o Concello de Ames decidiu volver a organizar unha exaltación de produtos de Outono para celebrar o Magosto de 2014. As Concellarías de Cultura, Medio Ambiente e Xuventude teñen preparadas varias actividades para o vindeiro sábado, 15 de novembro. Este ano a celebración desenvolverase na praza de Chavián, que está situada en Bertamiráns. Deste xeito, as principais celebracións municipais vanse rotando entre Bertamiráns e O Milladoiro. O ano pasado organizouse no Milladoiro e este ano tócalle a quenda a Bertamiráns.

A festa do Magosto, que comezará as 17:00 horas, contará con música a cargo dos grupos a Requinta da Maía, pertencente á asociación Follas Novas, e a Requinta da Laxeira. Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, comezará a degustación gastronómica. Os veciños e veciñas de Ames poderán adquirir polo módico prezo de 2 euros un lote con castañas asadas, pan con chourizo e unha bebida. Para obter máis información sobre estas actividades poden chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.org.

Esta festa está organizada polo Concello de Ames e colaboran varias asociacións municipais como son o club de atletismo MillaRaio, a asociación do produto caseiro Lentura, asociación cultural Follas Novas, a asociación de festas do Milladoiro, a comisión de festas Virxe da Peregrina, o club de patinaxe Sarela, a asociación de comerciantes de Bertamiráns e a asociación educativa e cultural Musicrearte.

Achegamento aos cogomelos
Este mesmo sábado, 15 de novembro, pola mañá desenvolverase unha saída micolóxica para coñecer novos aspectos sobre os cogomelos. O punto de partida está fixado ás 10:30 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Esta actividade desenvolverase entre as 10:30 h e as 14:00 aproximadamente. Os participantes irán camiñando dende Bertamiráns ata o lugar de Sisalde. O profesor José Manuel Castro Marcote iralle explicando aos participantes as boas prácticas que hai que ter en conta para recoller cogomelos. Tamén se impartirán unha serie de nocións para aprender a diferenciar as distintas especies de cogomelos e a súa comestibilidade ou toxicidade. Nesta saída farase especial fincapé en amosar a importancia ecolóxica dos cogomelos.

A saída micolóxica realizarase no contorno de Sisalde, de xeito que os participantes non esquilmen unha zona en concreo, polo que se percorrerán distintas carballeiras e piñeirais do contorno de Sisalde. Os participantes terán a acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...).

Xa pola tarde, farase unha exposición na praza de Chavián de todos os cogomelos durante a festa do Magosto. Entre as 16:30 h e as 18:30 horas farase a identificación e clasificación dos cogomelos recollidos. Trala exposición os cogomelos serán devolvidos ao monte para que as esporas caian na terra e volvan a nacer novos cogomelos.

Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información sobre esta actividade poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665. Para esta actividade non hai un límete de prazas. As inscricións haberá que realizalas antes das 14:00 horas do vindeiro venres 14 de novembro. Recoméndaselle a todas as persoas que participen nesta saída micolóxica que leven unha cesta, ou unha bolsa de tela, e un coitelo. A recollida farase de acordo coas boas prácticas ambientais.

Impartiranse dous obradoiros para nenos/as
Ademais, impartiranse dous obradoiros que estarán dirixidos aos nenos e nenas. Deste xeito, haberá un obradoiro de construción de xoguetes sonoros e instrumentos denominado Xoguetes vellos... para tempos novos. Esta actividade impartirase en dúas quendas: pola mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns, dende as 11:00 ata as 13:00 horas para nenos/as de 5 a 8 anos, e pola tarde na praza de Chavián, de 17:30 a 19:30 horas para rapaces e rapazas de 9 a 12 anos.

Ofértanse un máximo de 15 prazas por grupo que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Para apuntarse neste obradoiro, que será impartido por membros da Asociación educativa e cultural Musicrearte, hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940.

Por outra banda, impartirase un obradoiro de maquillaxe e globoflexia. Esta actividade comezará a partir das 17:00 horas na praza de Chavián. Estes obradoiros desenvolveranse nas carpas que instalará o Concello de Ames na devandita praza.