[25-06-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, preparou un amplo abano de actividades para este domingo, 29 de xuño, co obxectivo de celebrar unha nova edición da Festa da Natureza, que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia. Este ano esta celebración conta coa colaboración da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que celebra o décimo aniversario do Proxecto Ríos. A celebración durará todo o día, e haberá actividades ambientais e culturais, así como moita música e diversión. Tamén se convidará a café e sobremesa. Toda a veciñanza amiense está convidada a participar nesta festa dos ríos e polos nosos ríos. Esta iniciativa tamén conta coa colaboración da Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames.
O pasado 5 de xuño celebrouse o Día Internacional do Medio Ambiente. Con motivo desta efeméride o Concello de Ames celebra todos os anos no mes de xuño a Festa da Natureza. Nesta ocasión esta celebración realizarase en colaboración coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que celebra o décimo aniversario do Proxecto Ríos. Deste xeito, celebrarase de xeito conxunto a Festa da Natureza do Concello de Ames e a Festa dos 10 Anos do Proxecto Ríos. Esta festa desenvolverase este domingo, 29 de xuño, na área recreativa de Tapia, ao carón do río Tambre.
As actividades comezarán ás 11:30 horas cunha andaina circular ambiental polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca. Todas as persoas que desexen asistir a esta andaina deben estar ás 11:30 h no aparcadoiro da Praia fluvial de Tapia. Esta andaina, que ten unha dificultade baixa, está dirixida a todos os públicos, tanto para nenos/as coma para adultos. Calcúlase que o percorrido terá unha duración aproximada de hora e media ou dúas horas. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apto para camiñar.
Durante o transcurso desta ruta ambiental os membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) realizarán unha demostración do proxecto Ríos, que consiste en avaliar a calidade ambiental en varios tramos do río Tambre. Trátase dunha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos.
Obradoiros e espectáculo de maxia
Unha hora máis tarde, ás 12:30 horas, impartirase un obradoiro de pegadas. Neste obradoiro os participantes empregarán diferentes moldes de escaiola para reproducir varias pegadas de animais que viven nas beiras do río Tambre. Deste xeito, trátase de que os participantes se familiaricen cos estes animais do ecosistema fluvial. Ademais, haberá unha exposición de moldes de escaiola con diferentes pegadas de animais. A última actividade da mañá comezará arredor das 13:00 horas. Trátase dun espectáculo de maxia a cargo do mago Cagabolas. Unha vez rematado este espectáculo haberá un xantar popular.
Tralo xantar, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, que celebra o décimo aniversario do Proxecto Ríos, convidará a café e bica a todos os asistentes. Esta degustación estará amenizada polo trío de corda Xonxas. Pola tarde, ás 16:30 horas, haberá contacontos a cargo de Anxo Moure, así como obradoiros de cestería e de pesca. O obradoiro de pesca será impartido pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames, que tamén colabora nesta iniciativa. Nesta actividade os participantes aprenderán máis polo miúdo a técnica de pesca á mosca, así como a fabricar moscas.
Obradoiro de baile tradicional e concerto de Follas Novas
A festa pecharase cun obradoiro de baile tradicional e cun concerto a cargo do grupo amiense Follas Novas. Neste caso os participantes aprenderán diferentes pasos de baile e despois poranos en práctica durante o concerto que ofrecerá este grupo de Ames. Ademais, de todas estas actividades a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia instalará na área recreativa de Tapia unha exposición de fotografías que recolle as actividades desenvolvidas no Proxecto Ríos polos voluntarios/as que colaboran con esta entidade. Tamén haberá varios acuarios con invertebrados e un stand para facerse fotos.
Para ampliar calquera outra información sobre estas actividades poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org ou chamando ao número de teléfono 660 004 665.




