- Tematica
A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames está traballando coa empresa Xurdir na elaboración dun vídeo promocional do comercio amesá baixo o lema `En Ames témolo todo´. Trátase dun spot publicitario no que se reflicte a variedade existente no comercio local, onde se pode atopar dende florarías a tendas de artesanía e decoración, pasando por tendas de alimentación, moda, deportes, agasallos e complementos. Deste xeito, ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais pechados de grandes dimensións e ao comercio doutras localidades.
Esta mañá o persoal da empresa audiovisual e de comunicación Xurdir estivo na praza do Concello, en Bertamiráns, para gravar o que será o final do vídeo promocional do comercio amesá `En Ames témolo todo´. Alí estiveron gravando a varios representantes do comercio de Ames, entre eles o presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, e mailo presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández.
O vídeo promocional pecharase cun grupo de empresarios/as e comerciantes/as de Ames berrando o lema da campaña `En Ames témolo todo´. Para a elaboración do plano final tamén se contou coa colaboración e traballo dos membros da Asociación cultural de alfombristas de San Xoanciño de Ames, que elaboraron no chan da praza do Concello, diante das escaleiras da Casa consistorial, unha alfombra floral co logotipo do Concello de Ames. Ademais, para a gravación de dito spot contouse coa colaboración de rostros coñecidos do panorama galego como o da actriz María Mera ou o da xornalista Loli Gómez, entre outros.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “a través do spot `En Ames témolo todo´ queremos destacar aqueles aspectos que diferencian ao comercio e ao sector hostaleiro de Ames doutros da contorna. Ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais e comercios doutras localidades. Podemos dicir que o comercio de Ames é seguro, de calidade, variado, moderno, aberto, accesible e que permite conciliar”.
A través desta campaña preténdese que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais amesáns, xa que segundo se indica na campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores. No vídeo promocional tamén se destacan aqueles produtos que son exclusivos do comercio de Ames, respecto doutros comercios, como poden ser prendas de moda de tallas grandes ou tendas de alta costura que non se atopan fóra de Ames.
Este vídeo promocional do comercio amesá súmase a outras iniciativas postas en marcha recentemente como foi o programa AmesOn de actividades culturais (concertos, cine ao aire libre, actividades para nenos/as, etc), a través do cal se dinamizaron os sectores cultural e comercial do concello. Ademais, a campaña `En Ames témolo todo´ enmárcase dentro do Plan de reactivación económica `Reactiva Ames´.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames graba un spot para aupar a todo su comercio"
Compostela 24 Horas: "Ames prepara un vídeo promocional do comercio amesá baixo o lema En Ames témolo todo!"