Pestanas principais

O Concello de Ames premia a tres mulleres, dous homes e un equipo como deportistas destacados do ano

Venres, 21 de novembro de 2014

[21-11-2014] O Concello de Ames celebra unha nova edición da Gala do Deporte, un acto que premia a traxectoria dos deportistas e clubs deportivos locais destacados do ano. Trátase de seis premios a traxectorias sobresaíntes, tres mulleres, dous homes e un equipo. Ademais recoñécese o compromiso co deporte de Ames a José Manuel Moure e á cafetería Tropic. En total serán oito os galardóns que se entreguen no evento que será presentado polo televisivo amesán, Diego Viaño, e o humorista e locutor radiofónico, Carlos Jiménez. O xogador do Obradoiro CAB e veciño de Bertamiráns, Oriol Junyent, será o padriño da gala, que terá lugar o vindeiro venres, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

A concelleira de Deportes, Eugenia Martín, felicita aos premiados e agradece a implicación de deportistas e de persoas e entidades que “están a facer do deporte en Ames unha área e actividade de enorme puxanza con resultados significativos”.

O premio para a deportista máis destacada do ano en Ames será para Yaiza Otero. Nacida en 1994, é xogadora de Primeira División feminina de fútbol sala. Destaca polo seu despregue físico e enorme capacidade goleadora. Formouse nas categorías inferiores do Funeraria Apóstol FSF e máis tarde incorporouse á Escola Deportiva de Fútbol Sala Feminino do Concello de Ames. Logo desta etapa pasou por conxuntos como o Pino FSF, a S.D. Villestro de fútbol e o Amarelle, o seu actual equipo. Na súa traxectoria destacan os títulos de campioa da Copa Autonómica de Fútbol na tempada 2012-13 e na 2013-14.

Na mesma categoría, a figura masculina galardoada será Fernando Seoane, (Ames, 1983), centrocampista do CD Lugo da Segunda División dende o ano 2012. O seu xogo caracterízase pola súa alta capacidade de sacrificio na recuperación de balóns, algo que o converte nun gran apoio para a defensa.

Por outra parte, a piragüista Irene Mirás (Ames, 1997) recibirá o premio á deportista máis destacada dun Club de Ames. Pertencente ao club de piragüismo local Ribeiras do Tambre, conta cunha bolsa do Centro Galego de Tecnificación Deportiva que lle permite competir na modalidade de kayak en augas tranquilas. Este ano acadou o título de subcampioa de España de pista en k-1 500 metros e a medalla de bronce na categoría sub-17 no k-n 5000 metros no Campionato de España de Inverno.

En canto ao Club deportivo máis destacado, o Concello de Ames quere premiar o traballo do Bertamiráns FC. A entidade, fundada en 1933 conta na actualidade con máis de 400 deportistas repartidos nos máis de 25 equipos de fútbol sala, fútbol-8 e fútbol-11. Na pasada temporada conseguiu a permanencia en Terceira División.

Premios ás promesas masculina e feminina máis destacadas do ano
Na IX Gala do Deporte de Ames entregaranse tamén dous galardóns ás xoves promesas. A tenista Celia Montero (Aldea Nova, 2000), do club local Asociación cultural-deportiva Aldea Nova, é campioa galega infantil e cadete. Na actualidade ocupa o número cinco do ránking nacional na súa categoría e foi clasificada para disputar o máster de Rafa Nadal Tour 2014. Tras gañar a Mutua Madrileña de Oviedo, xogará o máster na Caixa Máxica o próximo ano.

Daniel Mato, (Milladoiro, 2003) será a outra promesa galardoada polo seu bo facer como atleta local no Millaraio. A súa especialidade son as carreiras de fondo. É campión galego de 2000 metros lisos ao aire libre, campión galego individual e por equipos de campo a través e gañador do I Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.

Distinción especial polo seu compromiso co deporte de Ames
Ademais haberá un recoñecemento especial para José Manuel García Moure, presidente fundador do Motoclub Ameixenda. É o artífice do deseño e construción dun circuíto de supercross en Ames chamado “Álex de Moure”. O recinto, inaugurado este ano, posúe máis de 17.000 metros cadrados que permite aos afeccionados a práctica deste deporte.

Por último, entregarase un premio especial á Cafetería Tropic Burguer, ubicada en Bertamiráns, por ser colaboradora de varios clubs de Ames e patrocinadora de numerosos eventos deportivos locais.