Pestanas principais

O Concello de Ames premia ás empresas Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL polo uso do galego na actividade empresarial

Sábado, 02 de febreiro de 2019

[02-02-2019] O salón de plenos do Concello de Ames acolleu este xoves, 31 de xaneiro, o acto de entrega da primeira edición do Premio Lingua e Empresa. Ao evento, que comezou ás 19.00 horas, acudiron representantes do goberno, concelleiros/as da Corporación municipal e os integrantes do xurado do concurso. As concelleiras de Participación veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, así como Salomé Blanco, integrante do xurado, foron as encargadas de entregarlle os premios ás empresas gañadoras: Biosbardos, Xestiago e Xestoría Xeral Galega.

Composición do xurado
O xurado estivo composto por Valentina Formoso Gosende, profesora de lingua galega e coordinadora do Equipo de Normalización do IES do Milladoiro; Félix Caramés Blanco, técnico da Unión de Consumidores de Galicia; e Salomé Blanco Caramés, representante da Asociación de empresarios do Parque empresarial Novo Milladoiro. En representación do Concello de Ames participaron Rosa Moreiras, técnica de Normalización Lingüística; e Jorge Couñago, Axente de Desenvolvemento Local.

Por último, Salomé Blanco, integrante do xurado, manifestou que “o premio está en consonancia co prestixio do noso idioma, coa presentación nesta primeira edición de trece empresas que apostan por unha comunicación coidada, coherente e respectuosa coa nosa lingua. O xurado considerou diferentes variables para conceder ex aequo o premio a tres empresas que, xunto coas outras dez que optaron ao premio, son exemplo de compromiso no sector socioeconómico e demostran que o galego é o vehículo idóneo para establecer relacións económicas asociando a riqueza do patrimonio e o dinamismo da cultura actual”.

Uso do galego na comunicación interna
Por elo, na concesión do premio tívose en conta o uso da lingua galega en ferramentas como páxina web, redes sociais, servizos e atención ao cliente ou comunicación e campañas publicitarias/promocionais do establecemento empresarial. Asemade, valorouse tamén de forma positiva o uso do galego na comunicación interna da empresa, na comunicación co persoal ou entre os departamentos, e a existencia de normas de usos lingüísticos que fomentan o uso do galego e a diversidade lingüística.

En base a estas condicións, o xurado do concurso escolleu as empresas Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL. dun total de trece participantes, por mor da coherencia do uso da lingua en toda a documentación e comunicación empresarial e polo impacto que a súa actividade empresarial pode producir en sectores relevantes para o proceso de normalización lingüística.

No caso de Biosbardos, polo impacto entre a xente nova e as familias; de Xestiago pola súa relación coas comunidades de veciños/as e polo impacto entre a veciñanza á que lle ofrece os servizos de inmobiliaria e seguros; por último, no caso da Asesoría Xeral Galega, polo impacto que a súa actividade en galego pode ter no sector empresarial ao que lle ofrece os seus servizos.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, destacou “sentímonos orgullosas da presentación de trece candidaturas nesta primeira edición do Premio Lingua e Empresa, co que queremos recoñecer a labor que están a facer empresas, comercios, hostalaría que, simplemente, están facendo o que nós consideramos normal que é, nin máis nin menos, utilizar a nosa lingua na actividade diaria. Queremos demostrar que é posible ser unha empresa, un local, un comercio que pode funcionar na nosa lingua sen ningún problema, que se pode traballar, ser competitivo e saír adiante en galego”.

Este xoves, 31 de xaneiro, tivo lugar a entrega de premios do I Premio Lingua e Empresa no salón de plenos da Casa do Concello de Ames. Durante o acto, representantes das empresas Biosbardos, Xestiago e Xestoría Xeral Galega recibiron o galardón das mans das concelleiras Isabel Vaquero e Isabel González, e de Salomé Blanco, integrante do xurado. O premio consiste nunha dotación económica de 833,33€ e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames para cada empresa.

Mediante esta iniciativa, impulsada polas Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, o Concello de Ames buscou gratificar de maneira pública a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

A concelleira de Participación veciñal e Promoción Económica, Isabel González, destacou a participación das 13 empresas que optaron a este premio e dixo “agardo que o premio vaia medrando ano a ano e que para a próxima edición se incremente o número de empresas participantes”. Ademais, incidiu en que “hai moitos establecementos e empresas que xa fan uso do galego na súa actividades, pero a través desta iniciativa demos un primeiro paso para implicar a máis entidades. Preténdese que o uso do galego non sexa un obstáculo senón un aspecto positivo”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "O Concello de Ames premia ás empresas polo uso do galego"
El Correo Gallego: "Premiadas tres empresas de Ames polo uso do galego"