[26-02-2013] O Concello de Ames potenciará e daralle continuidade no mes de marzo ao programa de prevención de drogodependencias destinado á mocidade amiense e centrado na impartición dun mínimo de 25 obradoiros educativos nos centros de ensino do municipio. Este programa de actividades, que terá un custo para o Concello de 8.724 euros e que se estenderá ata o mes de decembro, incluirá un traballo personalizado cos alumnos/as e adaptado ás distintas etapas educativas. Ademais, o programa, que chegará ao alumnado dos centros educativos amienses de Agro do Muíño, A Maía, Ventín, Barouta, Colexio Alca e do IES de Ames, estará coordinado por persoal técnico do Concello de Ames.
Os obradoiros terán como obxectivos previr condutas aditivas sobre o consumo de drogas, informar sobre as consecuencias do uso e abuso, aportar ferramentas útiles na aprendizaxe de habilidades sociais, favorecer a realización de actividades alternativas de lecer ou evitar o posible desenvolvemento de condutas de risco.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que, deste xeito, “dáse cumprimento ao compromiso do Goberno amiense de manter un programa de prevención de drogodependencias, tan importante para formar, sensibilizar e informar á poboación máis nova do Concello contra esta lacra”. O rexedor fai fincapé en que “para Ames é imprescindible contar cun programa deste tipo, debido a que somos un Concello cunha poboación moi nova e, polo tanto, moi exposta”.
Santiago Amor explica que, ante a desaparición das axudas que permitían o mantemento do plan de prevención de drogodependencias con Brión e Negreira, cos que se mantivo conversacións, “o Concello de Ames apostou por poñer en marcha un programa que continúe coa prevención e inclúa un traballo personalizado cos alumnos/as e adaptado ás distintas etapas educativas”.
O programa de prevención estará centrado na impartición de sesións informativas e obradoiros nas diferentes etapas educativas. Para iso, empregaranse ferramentas dinámicas e impulsarase a participación e interacción do profesorado. Deste xeito, o que se persegue é que na transición entre as etapas escolares se traballe a prevención de drogodependencias, sempre dun xeito adaptado ao momento que a mocidade está vivindo. Por iso, cada un dos obradoiros estará adaptado a cada etapa, facendo fincapé nos temas máis importantes a abordar en cada momento co fin de evitar condutas de risco.
Este xeito de organizar o programa permite dar continuidade ao traballo cos mozos e mozas durante toda a etapa escolar, traballando con todos os niveis educativos e impulsando a prevención dun xeito global e continuo.
Programación:
- Obradoiro de prevención de drogodependencias a través das habilidades sociais I: 'Aprendemos a comunicarnos asertivamente'. Este obradoiro está dirixido aos alumnos/as de 6º curso de Ensinanza Primaria Obrigatoria dos cinco centros de educación primaria do municipio amiense: Agro do Muíño, A Maía, Ventín, Barouta e Colexio Alca. Impartiranse en total 10 obradoiros.
- Obradoiro de prevención de drogodependencias a través das habilidades sociais II: 'Coñézome e tomo as miñas propias decisións'. Destinado ao alumnado de 2º da Ensinanza Secundaria Obrigatoria no IES de Ames e no Colexio Alca. Impartiranse 5 obradoiros.
- Obradoiro de prevención de drogodependencias I: Eu paso de movidas, e ti?. Dirixido ao alumnado de 4º da ESO do IES de Ames e do Colexio Alca. Impartiranse 5 obradoiros.
- Obradoiro de prevención de drogodependencias II: 'Desterrando mitos'. Pensado para os alumnos/as de 2º de Bacharelato. Impartiranse 5 obradoiros.
Unha vez rematada a impartición dos obradoiros o que se busca é que os mozos e mozas amienses acaden un coñecemento máis amplo da prevención de drogas e espertar o seu interese en participar en diversas actividades que fomenten a vida saudable. Ademais, tentarase que adopten habilidades sociais favorables para o seu desenvolvemento, así como aportarlle ferramentas de interese na resolución de conflitos.
Ao remate, farase unha avaliación final do alumnado para comprobar os coñecementos adquiridos. A avaliación do profesorado será continúa e establecerase unha coordinación do Concello de Ames para facer un seguimento do programa e do cumprimento de obxectivos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Prevención de drogas para Ames y nuevo plan en Negreira"