[11-12-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, ten preparada unha ampla programación comercial de Nadal con obradoiros, concurso de escaparates, servizo de ludoteca e campaña de regalos. Esta campaña foi presentada na Mesa Local de Comercio. Este ano a campaña de Nadal no concello de Ames, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña, comezará o venres, 13 de decembro, co acendido do alumeado de Nadal. As rúas máis comerciais de Bertamiráns e O Milladoiro, así como os accesos principais ás parroquias de Ames estarán iluminados entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro. O acto “Acendemos o Nadal” terá lugar na Casa do Concello. Dende ás 17:00 horas desenvolverase o obradoiro “Cantamos un conto” con Marcela Rubiano, que está dirixido ao público familiar e recomendado para nenos e nenas de 2 a 6 anos acompañados dun adulto. Ademais, actuará a orquestra de frautas da Escola Municipal de Música de Ames e haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Deste xeito, darase por iniciada a época de Nadal no concello de Ames.
A Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo co apoio económico da Deputación da Coruña preparou un amplo abano de actividades que se van desenvolver durante a época de Nadal co obxectivo de promocionar e dinamizar o comercio amiense, así como atraer público e incentivar as compras no tecido empresarial amiense. A campaña de Nadal é unha das máis importantes do ano para os establecementos comerciais. Debido a iso, un ano máis o Concello de Ames pon en marcha unha renovada edición do Concurso de Escaparate Nadal 2013 co obxectivo de dinamizar o comercio amiense e estimular as compras. Os escaparates deberán estar decorados con motivos e adornos que teñan como tema principal as Festas de Nadal.
As solicitudes de inscricións poderán presentarse ata o 13 de decembro, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, nos rexistro municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, os escaparates deberán estar expostos entre os días 14 de decembro de 2013 e o 5 de xaneiro de 2014. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso.
Premio Especial do Público
Como novidade este Nadal establécese un Premio Especial do Público que estará dotado con 200 euros. Este premio do público será elixido entre toda a veciñanza amiense. Para iso, o Concello entregará 150 boletos a cada establecemento inscrito no Concurso de Escaparates, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas para tal efecto tanto na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns; como na Casa de Cultura e na Biblioteca municipal, do Milladoiro, entre o 14 de decembro e o 5 de xaneiro de 2014. Non poderá votar ningún titular ou cotitular dos establecementos participantes. O establecemento que reciba o maior número de votos, será o gañador deste premio especial.
Todas aquelas persoas que emitan polo menos un voto participarán nun sorteo dunha PlayStation 4. O gañador ou gañadora deste regalo darase a coñecer o mesmo día en que se fagan públicos o resto dos premiados do Concurso de Escaparates Nadal 2013. Así este ano repartiranse 2.000 euros entre os catro establecementos premiados. O primeiro premio estará dotado de 800 euros, o segundo premio será de 600 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros. Ademais, os catro establecementos premiados terán un mes de publicidade gratuíta en Ames Radio.
Campaña de regalos rasca e gaña
A partir do día 16 de decembro distribuiranse, entre os comercios asociados a calquera das catro asociacións de comerciantes e empresarios existentes actualmente en Ames, boletos “rasca e gaña”, que deberán repartir entre a súa clientela polas compras realizadas. Estes boletos darán a oportunidade de optar a agasallos directos e que serán entregados polos propios comerciantes na maior parte dos casos. Os agasallos dispoñibles inclúen, entre outros, paraugas, bolígrafos, bolsas de compra reutilizables, auriculares, estuche de lápices de cores, un exprimidor, unha televisión, unha cámara de fotos, un libro electrónico, unha táblet, etc.
Por outra banda, o día 14 de decembro en Bertamiráns e o día 15 de decembro no Milladoiro, coincidindo coa celebración do Festival de Maxia, desenvolveranse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia en algúns establecementos hostaleiros destas dúas localidades. Polo tanto, o sábado 14 de decembro, haberá sesións de maxia nos bares In Vino Veritas, Don Budi e Coffee (situados en Bertamiráns), en horario de 13:00 a 14:30 horas, mentres que o domingo 15 haberá sesións de maxia nos bares Gallaecia, San Sport e Talladas (situados no Milladoiro), tamén en horario de 13:00 a 14:30 horas.
Outra das iniciativas que se porán en marcha este Nadal é o servizo de Ludoteca, que se ofrecerá nos centros de ocio Educalia, que está situado na avenida da Peregrina, número 3, en Bertamiráns, e Tralará, que se atopa na rúa de Abaixo, número 19 , no Milladoiro. Este servizo é gratuíto presentando unha nota de compra do mesmo día de calquera establecemento comercial de Ames. A Ludoteca de Nadal abrirá as súas portas os luns 16, 23 e 30 de decembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas, e o domingo 5 de xaneiro, de 11:00 a 14:00 horas. Este servizo está dirixido aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e ten o obxectivo de facilitarlle as xornadas de compras aos pais e nais amienses.
Obradoiro Imos cantar o Nadal
Este ano a programación de Nadal inclúe un novidoso obradoiro denominado “Imos cantar o Nadal”, que se desenvolverá o sábado 21 de decembro no Milladoiro e o sábado 4 de xaneiro en Bertamiráns. Nesta actividade os nenos e nenas poderán construír os seus propios instrumentos sonoros e participarán na recuperación de cantos de Nadal e Reis. Posteriormente, as persoas participantes realizarán unha saída para cantar polas rúas e algúns establecementos comerciais e hostaleiros, para rematar a actividade nunha merenda cos aguinaldos conseguidos. Esta actividade está destinada ao público familiar, e recomendado para renos e nenas a partir de 6 anos. Ofértanse 40 prazas para cada un dos obradoiros (40 para Bertamiráns e outras 40 para Milladoiro). O prazo de inscrición remata o 18 de decembro, para participar no obradoiro do Milldoiro, e o día 2 de xaneiro, para participar no obradoiro que se desenvolverá en Bertamiráns.
Para calquera aclaración ou consulta sobre o desenvolvemento desta campaña, poden poñerse en contacto co persoal da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo no teléfono 981 883 002 ou no correo electrónico guiadecompras@concellodeames.org.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Un taller amiense recuperará la música tradicional navideña"
La Voz de Galicia: "El concurso amiense de escaparates incorpora un premio especial del público"
El Correo Gallego: "Ames pon en marcha unha nova edición do Concurso de Escaparates Nadal 2013"




