Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha unha campaña informativa sobre a implantación da Tarxeta Metropolitana Social

Venres, 24 de agosto de 2012

[24-08-2012] O Concello de Ames, a través do departamento de Servizos Sociais, vén de poñer en marcha unha campaña informativa sobre a implantación no municipio da Tarxeta Metropolitana Social. O obxectivo é que a cidadanía amiense coñeza todos os trámites necesarios para solicitar esta axuda para o transporte, un trámite que poderá facerse a partir do vindeiro día 3 de setembro. A tarxeta supón importantes descontos para persoas maiores de 65 años, con discapacidade, en paro ou en situación de risco social. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o díptico informativo sobre a implantación da Tarxeta Metropolitana Social.

Nesta campaña informativa proporcionáselle aos cidadáns cumprida información sobre o acceso a esta tarxeta, o proceso de solicitude ou a súa forma de uso. O obxectivo é manter correctamente informados aos usuarios de todas as novidades que supón a tarxeta social metropolitana, xa que a aplicación desta política social supón para os colectivos beneficiados un aforro considerable no emprego do transporte público.

O Concello comezou o reparto dun díptico informativo no que se explica que coa entrada en vigor da Tarxeta Metropolitana Social desaparece o programa de bonos de autobús gratuíto existente na actualidade e que, polo tanto, todas aquelas persoas interesadas deberán solicitar as novas axudas. Os interesados/as poden solicitar máis información no departamento de Servizos Sociais, tanto no Milladoiro (na Oficina Municipal desta localidade, situada na Rúa de Abaixo s/n, ou no teléfono 981 535 941) como en Bertamiráns (na Casa da Cultura desta localidade, situada na Praza de Chavián s/n, ou no número 981 890 964).

No díptico informativo, explícase que o programa de transporte metropolitano de Galicia ten como finalidade facilitar a mobilidade no contorno e especifícase que a tarxeta metropolitana é o medio de pagamento que permite ás persoas que a empreguen obter os descontos no prezo dos billetes. Máis concretamente, trátase dunha tarxeta-moedeiro que se pode adquirir nas oficinas das entidades financeiras adheridas ao Transporte Metropolitano de Galicia, na actualidade NovaCaixaGalicia.

Actualmente, o custe do percorrido coa tarxeta metropolitana é de 0,78 euros e coa tarxeta metropolitana social este prezo redúcese á metade, a 0,39 euros. O desconto recargarase directamente a través da propia tarxeta unha vez efectuadas as viaxes.

Beneficiarios

Poden solicitar a Tarxeta Metropolitana Social todas aquelas persoas que teñan residencia habitual no Concello de Ames no momento da solicitude e acrediten unha antigüidade mínima de 12 meses de empadroamento en calquera dos concellos da área metropolitana de Santiago.

Os solicitantes deben cumprir unha serie de requisitos. Deste xeito, as persoas maiores de 65 anos de idade teñen que acreditar que non exercen actividade laboral e que os seus ingresos persoais non superan 1,5 veces o valor do IPREM (798,76 €/mes). Pola súa banda, as persoas con discapacidade teñen que acreditar unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65% (recoñecida polo EVO) e que os seus ingresos non superan 1,5 veces o valor do IPREM (798,76 €/mes).

No caso das persoas en situación de desemprego, teñen que estar inscritas como demandantes de emprego de xeito ininterrompido durante os 12 meses anteriores á data da súa solicitude; ter realizado unha actividade laboral durante un tempo mínimo de 12 meses nos últimos 5 anos anteriores á data da solicitude; deben participar en itinerarios de inserción laboral e acreditar que carecen de recursos propios no momento da solicitude.

Por último, as persoas en situación de emerxencia social deben contar cun informe dos Servizos Sociais do Concello, no que se atendan a razóns de emerxencia social ou de precariedade persoal.

A nivel xeral, o importe da axuda será de 50% do importe da viaxe ata un máximo de 20 viaxes ao mes, agás nos casos de emerxencia social que se bonificará o 100% do custo da viaxe ata un máximo de 30 viaxes ao mes.

Funcionamento

A persoa solicitante deberá adquirir pola súa conta a tarxeta e facer a primeira recarga e pagar con ela o importe dos traslados que realice durante o primeiro mes. Unha vez concedida a axuda por parte do Concello, a bonificación dos traslados realizados durante o mes anterior cargarase directamente na tarxeta da persoa usuaria, ata o límite establecido.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pon en marcha unha campaña informativa sobre a implantación da Tarxeta Metropolitana Social"
La Voz de Galicia: "Ames lanza una campaña informativa de la tarjeta social de transporte metropolitano"