[01-06-2013] O Concello de Ames, a través da Policía Local, organizou coa directiva do Bertamiráns F.C. un dispositivo especial de seguridade e protección civil para este domingo, no que este equipo amiense xogará a partir das 18:00 horas o último partido da fase de ascenso a 3º División contra o Arosa S.C. Nos últimos días, a Alcaldía mantivo reunións cos axentes e coa directiva do club para coordinar este dispositivo ante a previsión dunha importante afluencia de público.
Na xornada do domingo, a Policía Local de Ames contará coa colaboración da Garda Civil e de Protección Civil de Santiago. Para ese día, a Policía Local de Ames fai unha serie de recomendacións como que os asistentes ao partido empreguen os estacionamentos ubicados no centro de Bertamiráns e que eviten achegarse cos seus vehículos ata o campo de fútbol municipal. Como aparcamentos, os axentes recomendan os situados na Avenida da Peregrina, na Avenida José Luís Azcárraga ou o situado nas inmediacións do Carrefour.
Ademais, os axentes recomendan que os/as veciños/as de Bertamiráns que asistan ao encontro eviten desprazarse ata o campo cos seus vehículos para evitar a aglomeración de turismos na zona máis próxima ao campo.
A Policía Local de Ames recorda que, en todo caso, haberá un servizo de vixilancia policial, orientando aos condutores cara aos aparcamentos habilitados ao efecto. Ante calquera dúbida, os asistentes poden poñerse en contacto coa Policía Local amiense no teléfono 619767575.
Colaboración municipal
Ante este decisivo encontro, o Concello de Ames colaborou co club amiense para poñer a punto as instalacións deportivas. De feito, nos últimos días estivéronse dando os últimos retoques para que todo estea en perfecto estado de cara ao partido que se celebrará a partir das 18:00 horas do domingo.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, trasladoulle á directiva do Bertamiráns F.C. as felicitacións do Concello pola temporada realizada polo equipo e desexoulles sorte para o partido do vindeiro domingo. O rexedor amiense destacou que “o feito de que o Bertamiráns F.C. teña na súa man o ascenso á Terceira División é un éxito sen precedentes, froito dun excelente traballo tanto dos xogadores como tamén dos directivos e adestradores que dedican moito do seu tempo por este club”.