[22-05-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o convenio polo que o municipio amiense conta xa coa súa sede electrónica a través da plataforma posta en marcha pola institución provincial. Con esta ferramenta activa, os veciños e veciñas do municipio poden realizar trámites administrativos desde a súa casa as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Esta sede permite, por exemplo, consultar o estado dun trámite, obter un volante de empadroamento ou consultar expedientes, e os usuarios só precisarán o DNI electrónico ou un certificado electrónico, de xeito que se manteñen todas as garantías legais, así como as de confidencialidade e de seguridade.
O rexedor de Ames agradeceu o apoio da Deputación para a posta en marcha da sede electrónica, que definiu como “unha prolongación da oficina administrativa municipal”. Santiago Amor destacou que, deste xeito, “o que conseguimos é facer unha administración máis próxima, achegarse aos cidadáns e adaptarse aos tempos”. A adhesión do Concello de Ames á sede da Deputación foi aprobada por unanimidade dos grupos municipais no pleno do mes de febreiro.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, recordou que a plataforma posta en marcha pola Deputación ten coma obxectivo “dar un servizo aos cidadáns ao que teñen pleno dereito, pero que resulta moi custoso para os pequenos concellos”.
O investimento da institución provincial para pór en marcha toda a plataforma é de 177.000 euros, o mesmo que tería que achegar cada administración local por separado. Deste xeito, para os concellos non terá ningún custe implantar as súas sedes electrónicas dentro da plataforma provincial.
Con esta firma, Ames súmase aos concellos de Boqueixón, Negreira, Ordes, Oroso e Vedra, que xa teñen en marcha as súas sedes electrónicas a través desta plataforma. En toda a provincia, xa hai 26 páxinas web deste tipo en pleno funcionamento, e aínda quedan por realizar outras 31 sedes.




