[02-10-2014] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Benestar Social e de Promoción Económica, puxo en marcha o proxecto Ames Integra II. Trátase dun programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. Este servizo pretende estruturar un conxunto de liñas de acción que teñen por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos, favorecendo así a súa inserción laboral. Para elo vaise impartir un plan de inclusión socio-laboral e un apartado de formación específica que abarca un curso de esforzo e integración e outro para a preparación dos exames en competencias clave.
O Concello de Ames acaba de poñer en marcha a segunda edición do proxecto Ames Integra, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. Este programa, que está organizado en colaboración entre os departamentos de Benestar Social e Promoción Económica, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto intentarase favorecer a inserción laboral deste colectivo.
A prioridade deste proxecto é impartir unhas accións formativas de base, que estean dirixidas á obtención das competencias clave. Coa posta en marcha do programa Ames Integra II preténdese incrementar a competencia en habilidades sociais e o coñecemento do entorno social que ten o colectivo emigrante en Ames.
Nesta iniciativa, que está subvencionada pola Consellaría de Traballo e Benestar, participarán 10 usuarios/as en cada un dos cursos de formación e 10 usuarios no plan de inclusión socio-laboral.
Formación transversal
Dentro deste programa vaise impartir un plan de inclusión socio-laboral e un apartado de formación específica que abarca un curso de esforzo e integración e outro para a preparación dos exames en competencias clave.
Os beneficiarios do programa foron seleccionados entre os usuarios/as do departamento de Benestar Social. Os usuarios/as deste programa participarán en itinerarios personalizados de inserción socio-laboral, que son unha ferramenta clave para decidir aquelas accións que se desenvolverán durante o proceso de integración.
Na actualidade xa se está impartindo o curso de esforzo e integración, que comezou o pasado 30 de setembro e que se desenvolverá ata o vindeiro 21 de outubro. Este curso está impartido por tres técnicos municipais. Posteriormente, entre o 27 e outubro e o 17 de novembro realizarase o curso de competencias clave.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Arranca a II edición do programa para formación e inserción de inmigrantes"




