[21-08-2017] O Concello de Ames vén de publicar as bases para a selección do alumnado traballador/a e persoal do obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión II”. Este obradoiro terá unha duración de 6 meses e contará con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que formarán o equipo que dirixirá dito obradoiro (1 director/a, 1 mestre/a, 1 orientador/a e 1 auxiliar administrativo). Este obradoiro, que está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética en varias instalacións municipais de Ames e Brión, enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as devanditas bases.
O obradoiro RenovAmes-Brión II está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais sociais de Ameixenda, Cruxeiras, Firmistáns, Casa do Concello, en Ames, e na escola infantil dos Anxeles, así como na escola rural de Luaña situadas en Brión. Este obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos. Deste xeito, a selección dos alumnos/as traballadores/as farase entre os mozos/as que están inscritos neste programa e, que ademais, están apuntados como interesados/as en participar nestes obradoiros de emprego.
Por iso é importante que os mozos e mozas menores de 30 anos, que están inscritos no programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, se apunten nas oficinas do INEM antes do 1 de setembro como demandantes de obradoiros de emprego para que poidan participar no proceso selectivo deste obradoiro.
O RenovAmes-Brión II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Ames en colaboración co Concello de Brión. A especialidade que se impartirá a través deste obradoiro será a de montaxe e mantemento de instalacións caloríficas.
O obradoiro terá unha duración de 6 meses e formará con 15 alumnos/as traballadores/as (12 de Ames e 3 de Brión). O alumnado traballador será contratado, baixo a modalidade de contrato para a formación e o aprendizaxe, coas particularidades que establece a disposición adicional primeira do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e o aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, e percibirán as retribucións que lle corresponden conforme á normativa vixente. Ademais, contratarase a 4 persoas que formarán o equipo que dirixirá dito obradoiro (1 director/a, 1 mestre/a, 1 orientador/a e 1 auxiliar administrativo).
Traballos feitos na primeira edición do RenovAmes-Brión
A través desta iniciativa na primeira edición do RenovAmes-Brión, no concello de Ames, instaláronse estufas de pellets nos locais sociais de Piñeiro e Augapesada, mentres que na escola unitaria da Tarroeira (Ortoño) instalouse unha caldeira de pellets e no local social de Biduído colocouse unha hidroestufa con radiadores. Ademais, leváronse a cabo traballos de mantemento na instalación solar térmica do pavillón polideportivo de Bertamiráns e da escola infantil do Bosque, así como no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca “a posta en marcha da segunda edición deste obradoiro despois do éxito acado o ano pasado coa colocación de equipamentos térmicos de biomasa e coa realización de traballos de mellora da eficiencia enerxética. Este ano seguiremos, en colaboración co Concello de Brión, traballando neste eido e mellorando as instalacións de varios locais municipais. Trátase dun obradoiro de emprego moi importante, especialmente porque está dirixido á mocidade de Ames e Brión”.
Contido relacionado
Ames Go: "Ames volverá a contar co programa RenovAmes-Brión II"