[14-12-2017] Este xoves, 14 de decembro, entrou en vigor a ordenanza que regula a Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social. Dita ordenanza foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de setembro deste ano. As persoas que estean interesadas en optar a estas axudas xa poden presentar as súas solicitudes. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha polo goberno que conta cunha partida de 121.000 euros no orzamento de 2017. Este foi un dos compromisos recollidos no acordo subscrito entre o goberno municipal e Ames Novo para a aprobación do presuposto deste exercicio. Esta ordenanza supera a anterior, de emerxencia social. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ordenanza e mailos impresos de solicitude.
A Renda Social está dirixida a veciños e veciñas que no momento actual aínda non recuperaron o seu poder adquisitivo e que seguen sendo castigados pola crise, que non teñen emprego nin prestacións. Tamén a aqueles que, mesmo tendo emprego, este é tan precario que son simplemente traballadores e traballadoras pobres, pero cuxa insuficiencia de recursos non é paliada por ningunha outra Administración, o que non lles permite levar una vida minimamente digna. Esta ordenanza pretende garantir unha contía económica mínima coa que estes veciños e veciñas con recursos económicos e patrimoniais insuficientes poidan cubrir as súas necesidades básicas e que lles permita levar unha vida normalizada cunhas perspectivas de futuro favorables.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “aínda que o noso Concello xa contaba cunha liña de axudas de emerxencia social, que intentaban dar resposta urxente a situacións puntuais sobrevidas para cubrir necesidades básicas, tamén non é menos certo que levábamos un tempo vendo como estas axudas eran totalmente insuficientes. A nosa aposta polos servizos sociais, e sobre todo o noso compromiso cos nosos veciños e veciñas, lévanos a intentar desenvolver políticas sociais transformadoras, que nos permitan avanzar cara un Ames máis igualitario, un Ames máis solidario,en definitiva un Ames máis social”.
A aprobación desta ordenanza trae consigo unha modificación substancial da anterior ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal e a principal diferencia radica na regulación de dous tipos de axudas. Por unha banda, a renda social de garantía mínima, que é unha prestación periódica, de natureza económica, temporal, subsidiaria e vinculada a un proxecto de inclusión social, e por outra banda, as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que son prestacións de carácter extraordinario e puntual.
Renda para persoas e familias con recursos económicos insuficiente
Esta renda está prevista para persoas, familias ou unidades de convivencia con recursos económicos insuficientes, en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social co fin de evitar, previr ou paliar posibles situacións de marxinación social. Establécese un límite de ingresos para poder acceder a esta Renda por unidade familiar ou de convivencia do 100% do IPREM vixente en cada ano incrementado nun 10% por cada membro adicional ata un máximo de 150% e unha esixencia de 3 meses de empadroamento. Establécese unha duración inicial para a prestación de 6 meses prorrogable.
Por outra banda, as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que substituirían a actual ordenanza de emerxencia social. Trátase dunha prestación económica de carácter extraordinario e puntual, subsidiaria e complementaria das axudas sociais previstas na lexislación vixente destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que impidan facer fronte as necesidades básicas. Con respecto a anterior increméntase notablemente o límite de ingresos para acceder a estas axudas do 75 a o 125% do IPREM, incrementado nun 10% por cada membro adicional e descóntanse por alugueiro ou hipoteca ata un máximo de 350 euros. Neste caso mantense o requisito de empadroamento en 6 meses e a súa duración e contía dependerá da concepto concreto que da lugar a dita axuda.
Cinco prestacións concretas e outros gastos excepcionais
A nova ordenanza regula a renda social (prestación periódica) e cinco prestacións concretas e outros gastos excepcionais como son unha prestación para a cobertura de necesidades básicas, tanto de carácter xeral como para gasto sanitario e farmacéutico (incluído saúde buco-dental); para uso e mantemento da vivenda; habitabilidade e pobreza enerxética; desenvolvemento de actividades de inserción socio-laboral e educativas; e transporte.
Luísa Feijóo finaliza dicindo “estamos convencidos de que o investimento nas persoas é un investimento prioritario e de aí que se poña en marcha esta Renda social básica, non como una axuda complementaria, senón como una prestación social que faga efectivos os dereitos das persoas recoñecidos tanto na Declaración Universal dos Dereitos Humanos como na nosa Constitución”.
As persoas, familias ou unidades de convivencia que estean interesadas en optar a estas axudas xa poden presentar as súas solicitudes. Para iso haberá que presentar a documentación que se solicita, xunto cos impresos de solicitude, nos rexistros municipais, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para máis información pódese pasar pola oficinas municipais de Servizos sociais de Bertamiráns ou do Milladoiro. Outra opción é chamar aos números de teléfono: 981 890 964 - 981 535 941.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Entra en vigor la Renda Social de Ames con 121.000 euros de presupuesto"
Lindeiros: "Ames pon en marcha a Renda social de garantía mínima"




