Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha os obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión que permite a contratación laboral de 45 persoas

Mércores, 07 de setembro de 2016

[07-09-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, achegáronse a primeira hora desta mañá polas dependencias do centro de formación de Aldea Nova para darlle a benvida aos 15 alumnos-traballadores que comezaron a formarse e traballar no obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión”. As autoridades municipais, que estiveron acompañados dos axentes de desenvolvemento local dos Concellos de Ames e Brión, tamén saudaron o equipo docente. A semana pasada púxose en marcha o obradoiro de emprego “Accede” do que se están beneficiando 20 alumnos-traballadores e 6 persoas que forman o equipo docente e administrativo. Ademais, na actualidade estase realizando o proceso selectivo do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión IX. Destes programas e obradoiros (Accede, RenovAmes, Rede Xiana e InserAmes-Brión) estanse beneficiando 109 participantes e 12 profesores/as.

O alcalde de Ames, José Miñones, animou ao alumnado a aproveitar a formación que lles vai impartir o persoal docente durante seis meses. “Este obradoiro de emprego é moi ilusiónante, especialmente porque está dirixido á mocidade de Ames e Brión. Trátase dun obradoiro posto en marcha entre tres administracións distintas como son os Concellos de Ames e Brión, que xa levamos anos colaborando nestas iniciativas, e maila Xunta de Galicia que financia o obradoiro. Anímovos a que aproveitedes esta oportunidade que se vos ofrece xa que ides recibir formación teórica e práctica. Ademais, os Concellos tamén nos beneficiaremos do voso traballo coa instalación de equipamentos térmicos de biomasa en diversos locais municipais”.

O obradoiro RenovAmes terá unha duración de seis meses e conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal docente e administrativo. Este obradoiro está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa (mellora da eficiencia enerxética) nos locais sociais de Augapesada, Piñeiro, Biduído e na escola unitaria da Tarroeira (Ames), así como nos locais sociais dos Ánxeles, da banda de música municipal, da escola de música e da biblioteca municipal (Brión). Este obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos. Deste xeito, a maioría dos mozos/as que participan nesta iniciativa é o primeiro contrato laboral que teñen.

Outro dos obradoiros, que se puxo en marcha a semana pasada no Centro de usos múltiples de Aldea Nova, é o proxecto Accede no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e outras 6 persoas do equipo docente e administrativo durante seis meses. Neste caso este proxecto está dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais. Deste xeito, realizaranse traballos na praza da Maía e na parte superior da praza de Chavián, en Bertamiráns, e na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.

Nestes obradoiros de emprego vaise a combinar o aprendizaxe teórico coa formación práctica a través da realización de diferentes traballos de instalación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da accesibilidade. Asemade, en ambos casos os alumnos-traballadores van a obter un certificado de profesionalidade, e no caso do alumnado do obradoiro RenovAmes, isto permitirá que estas persoas poidan obter posteriormente o carné de instalador oficial. A través destes obradoiros estas persoas acceden o mercado laboral co obxectivo de formarse en sectores nos que poidan continuar traballando unha vez finalizadas estas iniciativas.

Programa integrado para o emprego InserAmes-Brión
Por outra banda, cómpre destacar que o pasado 31 de agosto rematou a oitava edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión. Ao longo dun ano atendeuse a un total de 80 participantes de ambos concellos, menores de 30 anos, desempregados e con cualificación máxima de bacharelato. Nesta edición alcanzouse un nivel de inserción que se achega ao 50%. Deste xeito, superouse o obxectivo de inserción inicial establecido no 40%.

De seguido, o 1 de setembro o Concello comezou o proceso de selección do alumnado e profesorado da novena edición do InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 104.426 euros, e un orzamento total de 130.532 euros. Deste proxecto beneficiaranse 60 alumnos/as e 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se impartirán diversos cursos e accións formativas e que contará con servizo de titorías individuais.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Taller sobre biomasa y nuevo firme para la rúa Alcalde Lorenzo"