Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha o servizo de mantemento dos campos municipais de fútbol e pádel

Luns, 13 de maio de 2013

[13-05-2013] O Concello de Ames, a través da Concellería de Deportes, acaba de poñer en marcha o servizo de mantemento do céspede artificial dos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, así como da pista municipal de pádel que está situada na urbanización de Aldea Nova. Estes traballos teñen o obxectivo de limpar e conservar o céspede artificial destas instalacións deportivas. Nos campos de fútbol realizaranse 10 actuacións durante 10 meses (5 actuacións en cada campo), que terán un custo de 3.500 euros máis IVE, mentres que na pista de pádel levaranse a cabo 5 actuacións (unha actuación cada dous meses), que terá un custo de 400 euros máis IVE. En total investiranse máis de 4.000 euros.

O Concello de Ames dispón de dous campos de fútbol de céspede artificial que son de titularidade municipal. Un deles atópase na localidade de Bertamiráns, mentres que outro está no Milladoiro. Estas dúas instalacións son empregadas por numerosos equipos de fútbol do concello. O campo de fútbol de Bertamiráns é empregado todos os días por varios equipos de fútbol do concello para realizar os seus adestramentos. O Bertamiráns FC é o equipo que máis emprega esta instalación. Todas as categorías do Bertamiráns (benxamín, alevín, infantil, cadetes, xuvenís e modestos) adestran neste campo. Ademais, estas instalacións son empregadas polo club Estela 25.com. Por outra banda, o campo municipal do Milladoiro é empregado polo Milladoiro SD, CSD Ames, Ortoño CF e Biduído SR.

A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, destaca que o obxectivo destas actuacións, que xa comezaron a realizarse no campo de Bertamiráns, “é que estas instalacións deportivas estean en perfectas condicións, a través dun mantemento periódico”. Para isto, levarase a cabo o servizo de mantemento do céspede artificial dos campos de fútbol. Durante os próximos 10 meses realizaranse un total de 10 actuacións (5 en cada un dos campos). Estes traballos iranse intercalando entre o campo de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro. Un mes realizarase o servizo no campo de Bertamiráns e o mes seguinte no do Milladoiro.

Algúns dos traballos que inclúe o contrato son a eliminación das malas herbas que aparecen no céspede; a limpeza da sucidade (resto de fibras, follas, chicles, etc.); limpar e aspirar para encolar se é necesario as xuntas de unión de toda a superficie; substitución do céspede do punto de penalti, no caso de que sexa preciso; descompactación da superficie (esta é unha operación moi importante xa que un terreo de xogo moi compactado pode ocasionar lesións musculares e unha deficiente evacuación da auga co conseguinte anegamento do campo); levantamento do campo para determinar a cantidade de caucho que se debe incorporar; recebado e lastrado da superficie do céspede; cepillado da superficie; baleirado das canaletas perimétricas de desaugue; e tratamento con herbicidas e funxicidas para eliminar malas herbas e fungos.

Pista municipal de pádel
Por outra banda, contratouse o servizo de mantemento da pista municipal de pádel, que se atopa na urbanización de Aldea Nova. Neste caso os traballos de limpeza e conservación levaranse a cabo cada dous meses. Realizaranse un total de 5 actuacións durante un período de 10 meses.

Algúns dos traballos que se levarán a cabo son a limpeza da superficie (arrincado das malas herbas que aparecen no céspede e eliminación da sucidade); verificación e repaso das xuntas de unión de todo o campo; descompactación da superficie; recebado e lastrado da superficie de xogo; cepillado; e tratamento con herbicidas e funxicidas para eliminar malas herbas e fungos.