Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha o servizo de intranet que facilitará e axilizará o traballo dos empregados municipais

Sábado, 09 de abril de 2011

[09-04-2011] O Concello de Ames ven desenvolvendo dende hai anos iniciativas destinadas á mellora das ferramentas empregadas polos traballadores do concello para realizar as súas labores administrativas mellorando deste xeito a atención ao cidadán. Seguindo esta senda de implementación de servizos de novas tecnoloxías que facilitan os procesos administrativos, o Concello de Ames acaba de poñer en marcha un servizo de intranet que permitirá aos traballadores e traballadoras do Concello acceder a un sistema de atención e resolución de incidencias informáticas, ao servizo de xestión de actividades culturais e deportivas, a unha guía de empresas do concello, a un directorio de teléfonos e correos electrónicos dos empregados e empregadas, ao portal do empregado no que poderán acceder ao sistema de control de tempos instalado no Concello, á páxina web municipal e a un sistema de webmail que facilitará os procesos de comunicación interna.

Co desenvolvemento das novas tecnoloxías estanse a crear unha serie de ferramentas que no campo da administración melloran os procesos de obtención e transmisión de información, de solución de incidencias administrativas ou tecnolóxicas, e de control da actividade laboral, etc. Estes servizos permiten axilizar os procesos que se levan a cabo na administración e mellorar deste xeito a atención aos usuarios desta, pois mellorando as ferramentas empregadas polos traballadores e traballadoras da administración pública, mellórase tamén a atención e resolución dos procesos administrativos que levan a cabo os administrados.

Seguindo unha senda iniciada hai anos de renovación e posta en marcha de ferramentas que axilicen os traballos na administración para mellorar a atención e desenvolvementos dos servizos que o Concello ofrece aos cidadáns, o goberno local acaba de pór en marcha un sistema de intranet que axilizará os procesos administrativos levados a cabo polos traballadores e traballadoras.

Así, este sistema de intranet permitirá ao conxunto dos empregados da administración pública local ter acceso directo ao Sistema de xestión de Actividades Culturais e Deportivas (S.X.A.C.E.D.), a unha guía que recolle información básica do total de empresas asentadas no concello (á que os veciños e veciñas poden acceder na web do concello www.concellodeames.org) ou a un espazo no que poderán descargar os modelos dos impresos utilizados pola administración local, así como de manuais básicos de administración e guías de programas empregados polos traballadores (guías de funcionamentos dos programas informáticos e dos aparellos técnicos empregados no seu traballo cotiá). Deste xeito, os traballadores e traballadoras do concello poderán acceder a estes espazos dende o seu ordenador e de forma directa e rápida, axilizando o proceso de obtención da información que necesiten e tendo a un golpe de rato os documentos que precisa para a súa labor.

Para mellorar os procesos de comunicación interna entre os distintos departamentos municipais, este servizo de intranet inclúe tamén unha guía ou directorio no que poderán acceder aos nomes das persoas que ocupan os distintos cargos administrativos, aos varios departamentos de cada traballador/a, ás súas extensións telefónicas e ao seu correo electrónico de xeito que en caso de dúbida terán a posibilidade de acceder directamente a un servizo que contén toda a información precisa para pórse en contacto cos diversos empregados da administración local. Neste eido, a intranet do Concello acolle tamén un servizo de webmail que facilitará o envío de correos electrónicos sen necesidade de contar cun navegador especifico.

Outro dos servizos que ofrece este sistema é o acceso ao perfil individual ao que cada usuario pode acceder e que lle permitirá facer un seguimento do sistema de control de entradas e saídas das oficinas municipais instalado recentemente polo goberno local que permite ter un control dos tempos que os empregados e empregadas botan no seu posto de traballo e das diversas incidencias ás que teñen que facer fronte (abandonar o seu lugar de traballo para dirixirse a unhas determinadas dependencias para a realización de calquera traballo, etc).

Inclúe tamén un calendario e acceso ao sistema de avisos que permite ter informados aos usuarios/as de calquera incidencia, normativa, información ou acontecemento que se produza, así como á páxina web do concello.

Centro de Atención ao Usuario (CAU)

Posto en marcha esta intranet, o servizo de atención do departamento de informática realizarase a través desta rede mediante a implantación de contas de usuarios e contrasinal podendo acceder a este servizo de forma personalizada. Así, a través do CAU poderán notificar todo tipo de incidencias que se produzan no hardware (equipos informáticos empregados), software (programas informáticos), así como do correo electrónico, en calquera dos dispositivos que manexen os traballadores. A través deste servizo, unha vez que se abra unha incidencia esta contará cun número de rexistro e os usuarios poderán obter información sobre cal é o punto no que se atopa a tramitación da súa incidencia (en espera, en proceso de solución ou solucionado).

Ademais, poderán marcar o nivel de prioridade, realizar solicitudes de material informático e multimedia que necesiten (móbiles, cartuchos de tinta das impresoras, proxectores, etc) que dende o departamento de informática xestionarán mediante modelos de impresos de solicitudes. O departamento de informática ten habilitado o acceso remoto aos equipos polo que poden arranxar as incidencias que se produzan sen desprazarse fisicamente ao lugar no que se atope o equipo danado. A incorporación deste servizo non implica a desaparición do servizo de atención telefónica, que poderá seguir empregándose para contactar cos informáticos en caso de que non se poida utilizar o servizo de intranet.