Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha o proxecto Lingua Viva

Venres, 25 de outubro de 2013

[25-10-2013] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración dos centros de ensino amienses, está traballando nun proxecto de dinamización lingüística destinado a recoller, seleccionar e divulgar o patrimonio documental privado co obxectivo de dinamizar a lingua a través da recuperación da memoria escrita, creando modelos de documentos de uso cotiá e recoñecendo o labor de persoas que, de xeito anónimo, contribuíron a manter e a prestixiar a lingua galega. Esta iniciativa está dirixida, nun primeiro momento, á comunidade educativa do Concello de Ames (persoal docente, familias e alumnado). A través deste proxecto preténdese dinamizar a lingua a través da recuperación da memoria escrita, fornecer a cidadanía de modelos de documentos de uso cotiá, e valorar e recoñecer publicamente o labor das persoas que de xeito anónimo foron protagonistas da normalización cultural da nosa terra.

Trátase dunha proposta de dinamización lingüística interdisciplinaria destinada a toda a comunidade educativa (persoal docente, alumnado e familias) e ao ámbito asociativo co obxectivo de dinamizar a lingua a través da recuperación da memoria escrita. Trataríase de localizar, estudar e catalogar patrimonio documental privado en lingua galega, para, nunha segunda fase, poñelo a disposición da cidadanía co obxectivo de que poida servir de modelo. Este proxecto parte do Modelo Burela de Normalización Lingüística e desenvolveuse xa en diferentes concellos de Galicia.

O programa divídese en tres fases que temporalmente coinciden cos tres trimestres do curso. Na primeira fase (outubro, novembro e decembro) abordarase o traballo de localización e recollida de documentación. A segunda fase (xaneiro, febreiro e marzo) comprende o estudo, selección e catalogación dos documentos recollidos. Por último, na terceira fase (abril, maio e xuño) haberá que divulgar o material recollido. Este proxecto desenvolverase ao longo de todo o curso 2013-2014.

Recuperación, catalogación e divulgación de documentos
Neste curso os rapaces e rapazas deberán centrarse na recuperación, catalogación e divulgación de documentos (impresos ou manuscritos) de dous ámbitos ben diferentes: cerimonias/festas e necrolóxicas/epitafios. Deste xeito, deberán atopar convites de casamentos relixiosos e civís; convites ou recordatorios de bautizos e comuñóns; convites de aniversarios ou doutras festas (poden ser escritos á man); menús de distintas celebracións; ou calquera outro documento relacionado con cerimonias ou festas escrito en galego. Así mesmo, tamén poden buscar notas necrolóxicas dos xornais; recordatorios de pasamentos ou de cabodanos; avisos de enterros, cabodanos, e epitafios.

Na fase de localización e recollida de documentación é imprescindible a participación de toda a veciñanza amiense. Por este motivo, dende o Concello de Ames solicítase a colaboración neste proxecto de todos os veciños e veciñas. Esta información pode achegarse facilitando unha copia dos documentos que teñan os propios veciños/as; indicándolle aos responsables deste proxecto os nomes e contacto doutras persoas que puidesen ter este tipo de documentos; ou achegando referencias de actividades que merezan ser rescatadas para a memoria colectiva.

Toda a documentación recollida deberá estar acompañada dunha pequena ficha técnica na que se recollerán os datos da persoa titular do documento, do localizador/a (quen a encontrou), do protagonista do documento e de quen o redactou, encargou ou imprimiu (axente textual).

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pon en marcha o proxecto Lingua Viva"
El Correo Gallego: "Ames e os centros educativos danse a man polo patrimonio documental"