Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha o proxecto HERA para mellorar a empregabilidade de 20 mulleres amienses

Luns, 10 de marzo de 2014

[10-03-2014] O Concello de Ames, a través das concellarías de Benestar Social e Promoción Económica e Traballo, puxo en marcha este luns, 10 de marzo, o proxecto HERA, un programa que busca a mellora da empregabilidade das mulleres amienses con especiais dificultades de inserción. Neste proxecto participan 20 mulleres de Ames cun perfil moi determinado, que realizarán un itinerario de competencias claves e posteriormente terán que desenvolver dous dos tres itinerarios ofertados que tratan sobre limpeza, hostalería e comercio. Por último, as usuarias terán que realizar 10 días de prácticas en empresas relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Este proxecto desenvolverase ata o mes de xuño no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado en Aldea Nova. Este proxecto financiaranse conxuntamente entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña.

No contexto económico e de emprego que está vivindo a sociedade actual, e que afecta de maneira especial á muller, dende o departamento de Benestar Social do Concello de Ames dáse un paso máis desenvolvendo un programa de inserción laboral e social, en igualdade de oportunidades, a través de programas formativos de mellora da empregabilidade das mulleres. Trátase dun proxecto innovador dentro dos Servizos Sociais do Concello de Ames a través do cal se pretenden incrementar os niveis de empregabilidade e facilitar a inserción laboral das mulleres con especiais dificultades de inserción social.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explica que “atendendo á situación de desequilibrio existente na que se atopa a muller dentro do mercado de traballo, consideramos primordial traballar na diminución da taxa de desemprego e aumentando a taxa de empregabilidade das mulleres con especiais dificultades de inserción social”.

Neste proxecto participan 20 mulleres que realizarán cursos de formación naquelas profesións máis demandadas polo mercado de traballo, nos que non existe formación regulada. Primeiro as 20 alumnas participarán nun itinerario de competencias claves. A continuación, terán que realizar dous dos tres itinerarios ofertados que tratan sobre limpeza, hostalería e comercio. Por último, as usuarias terán que realizar 10 días de prácticas en empresas da contorna que están relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Este proxecto desenvolverase ata o mes de xuño no Centro de Formación de Aldea Nova.

Potenciación da empregabilidade
Por outra banda, impartirase unha fase de promoción do autoemprego na que se facilitarán recursos e información ás mulleres a fin de ver esta modalidade de traballo como unha saída laboral Ao longo de todo o proxecto haberá un/unha titor/a que analizando ás necesidades especificas de cada muller potencie a súa empregabilidade dotándoas de recursos, habilidades e destrezas co fin de alcanzar a incorporación efectiva ao mercado de traballo.

Os principais obxectivos do proxecto HERA son mellorar os niveis de formación e cualificación, promocionando a reciclaxe profesional das usuarias; dinamizar a promoción do autoemprego; e personalizar a orientación cara as necesidades formativas e inserción laboral.