[29-03-2012] O alcalde Santiago Amor presidiu esta mañá a posta en marcha oficial do programa “Almorzames”, promovido polo Concello de Ames para o reparto gratuíto de leite fresco entre as familias máis necesitadas a través dun acordo coa Gandaría A Portela e coa colaboración de Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. Con esta iniciativa, impulsada a través das concellarías de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo e de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, trátase de dar un paso adiante para paliar as necesidades básicas dos núcleos familiares máis desfavorecidos. No acto celebrado esta mañá en Bertamiráns participaron o concelleiro de Promoción Económica, Traballo e Turismo e representantes das institucións colaboradoras: Gandaría A Portela, Cáritas Diocesana do Milladorio e Bertamiráns e as organizacións empresariais que xa se sumaron ao programa, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e Asociación de Empresarios Novo Milladoiro.
Para facer realidade o programa "Almorzames" foi necesaria a implicación efectiva de diferentes entidades que están a desenvolver o seu labor no concello de Ames. Así, Cáritas Diocesana encárgase do reparto diario do leite fresco pasteurizado, que é subministrado pola Gandaría A Portela. Esta empresa destinará ao programa "Almorzames" un 10 por cento da recadación das máquinas expendedoras instaladas en Bertamiráns e no Milladoiro. A través do programa "Almorzames", que comezou a materializarse hai 15 días, estanse xa a distribuír un total de 300 litros de leite fresco por semana entre as familias de Ames máis necesitadas.
O Concello de Ames está a procurar a colaboración das empresas e organizacións locais interesadas en apoiar o desenvolvemento do programa "Almorzames". A través dos contactos realizados dende a Concellaría de Promoción Económica en busca de empresas colaboradoras neste proxecto, os primeiros en sumarse á iniciativa son a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, entendendo as patronais de Ames as necesidades que teñen algunhas familias amienses e envorcándose con este proxecto solidario, aberto á colaboración do resto do tecido empresarial. Desde a Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo asegúrase que o éxito desta iniciativa basearase na suma de moitos pequenos esforzos, entendendo que esta acción solidaria pode axustarse eficazmente ao interese de moitas empresas que pretenden compaxinar o seu labor como dinamizadores económicos cunha política comprometida no ámbito da responsabilidade social corporativa, especialmente neste momento de dificultade para moitas familias.
Neste sentido, o concelleiro Bernardo Moar explica que "xa estamos en contacto con algunhas empresas interesadas no proxecto. A intención e que se poida alongar no tempo o máximo posible, dadas as necesidades da cidadanía e o total compromiso dos empresarios co noso concello". Do mesmo xeito, o concelleiro de Promoción Económica destaca que o programa "Almorzames" está aberto tamén a todos os particulares que queiran colaborar. Sonia Moure como persoal técnico da Concellaría de Promoción Económica será a encargada de coordinar o programa. Os interesados en colaborar con esta iniciativa poden poñerse en contacto ca concellaría a través do teléfono 981 883 002 ou a través do enderezo electrónico turismo@concellodeames.org.




