[01-07-2017] Un ano máis chegada a época estival o goberno local pon en marcha o plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais. A través deste plan, que se activa durante o verán, artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames, para paliar as consecuencias no caso de que un incendio forestal se converta nun perigo para as persoas e os bens municipais. As medidas e ferramentas aplicadas pola Administración local pódense dividir en dúas; preventivas e de colaboración na disposición de medios enfocados á defensa das persoas e dos bens como consecuencia dos incendios forestais.
Operativo municipal de prevención e defensa
O operativo municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais está dirixido polo alcalde de Ames, José Miñones, e está composto por diferentes grupos operativos e persoal municipal. Deste xeito, consta dun grupo de intervención e outro de seguridade, no que se inclúen membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica ou da brigada de medio ambiente. O operativo tamén conta cun grupo de transmisións e con outro sanitario e de acción social, no que se inclúen traballadores sociais, médicos de atención primaria, farmacéuticos, veterinarios e persoal da Cruz Vermella.
O obxectivo é unir esforzos e colaborar con medios propios e concertados na extinción de incendios. O Concello de Ames pon a disposición do distrito forestal todos os medios posibles para atallar estas situacións de risco. Con todo, o goberno municipal fai un chamamento á colaboración da cidadanía para que colabore con este plan. Concretamente solicita que quen se decate da existencia dun incendio o comunique ao teléfono 085 ou 112 e que se poña en coñecemento das forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso.
Plan municipal de prevención e defensa
Para dar cumprimento a lei de incendios forestais, o Concello de Ames está levando a cabo un plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, a través dun proxecto piloto que se iniciou nos ámbitos 18 e 27 correspondentes á parroquia de Piñeiro. No termo municipal de Ames delimitáronse un total de 59 ámbitos e o obxectivo é estender dito proxecto a todos eles. Para poder executar dito proxecto piloto, asináronse convenios con varios veciños e veciñas de Piñeiro, para repoboar as faixas secundarias de xestión de biomasa, en parcelas de dita parroquia.
Deste xeito, este proxecto piloto executarase en 37 fincas, coa plantación de 1.000 plantas nunha superficie de arredor de dúas hectáreas. Trátase dun convenio para a xestión, roza e repoboación de fincas afectadas pola rede secundaria de faixas de xestión de biomasa en aplicación do plan de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do concello de Ames.
A primeira fase dos traballos de repoboación nas fincas, que son propiedade dos veciños cos que se asinaron os convenios, remataron no pasdo mes de marzo. Durante os primeiros meses do ano plantáronse 654 plantas (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) en 23 fincas que comprenden uns 10.100 metros cadrados. Haberá unha segunda fase de plantación, que está prevista para o próximo inverno, na que se repoboarán as fincas do resto de veciños/as que participan neste proxecto piloto. Trátase dun proxecto pioneiro e dende o goberno municipal destacan a importancia do conseguido, xa que Ames é un dos poucos Concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención dando valor ao monte.
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou o traballo preventivo que se realizou durante os pasados meses de inverno e que continuará durante o próximo inverno. “Temos que reforzar o traballo preventivo xa que é fundamental para evitar os lumes no monte durante a época estival”. Ademais, explicou que “no plan municipal recóllense os medios de persoal e material para poñer a disposición do distrito forestal en caso de declararse un lume no monte amesán. A través deste plan trátase de ordenar e artellar os medios dos que dispón o Concello de Ames no caso de que exista a necesidade de actuar na extinción dun incendio forestal”.
En canto á disposición de medios enfocados á defensa das persoas e dos bens como consecuencia dos incendios, o Concello de Ames acordou a contratación dos servizos dun tractor forestal e tractorista con cisterna e lanzadeira anti-incendios con dispoñibilidade para os días de alto perigo de incendios forestais. Este tractor forma parte dos equipamentos que pode mobilizar o Concello en situacións de especial risco, formado por medios achegados por concesionarias de servizos públicos e outras empresas. Entre estes, destaca un camión cisterna, unha pala de rodas, outra de cadeas, bombas de achique e maquinaria.
O concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, destacou que “o Concello recuperou un plan de prevención que consiste en repoboar as faixas con especies que arden menos, de frondosas caducifolias, como gran iniciativa para ir repoboando e facer reforzar a prevención. Paralelamente, o Concello tamén se acolle á subvención da Consellería de Medio Rural, que subvenciona durante a época previa ao alto risco, unhas limpezas mediante un tractor mecanizado que está operativo nestes momentos. E tamén a contratación subvencionada dunha brigada de prevención e extinción, formada neste caso por un xefe de brigada e catro peóns, que traballarán baixo as ordes do Distrito 3 no caso de que haxa algún lume. Candio non haxa incendios forestais este grupo de traballo realizará traballos de prevención”.