[25-02-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, e o técnico municipal, Juan Carlos Carreja, mantiveron esta semana unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para presentarlle o plan de prevención, mediante a repoboación nas faixas secundarias de xestión de biomasa, que está incluído dentro do Plan de Prevención contra os Incendios Forestais que se está levando a cabo no municipio amesán, co fin de diminuír o risco de lumes forestais. Na actualidade estase desenvolvendo o proxecto inicialmente na parroquia de Piñeiro, que permite o cumprimento da lei de incendios a través da tala de especies pirófitas, nas faixas de seguridade de perímetro urbano e a plantación de árbores frondosas-caducifolias. Para iso xa se asinaron convenios con 15 veciños da parroquia de Piñeiro, para realizar plantacións en 18 parcelas. Ademais, a primeira semana de marzo asináranse novos convenios para a plantación de outras 19 fincas. En total, este proxecto piloto executarase en 37 fincas, coa plantación de 1.000 plantas nunha superficie de arredor de dúas hectáreas.
Comezo dos traballos de plantación
Esta semana comezaron os traballos de preparación do terreo para realizar as plantacións nos lugares que foron previamente talados e rozados polos propietarios. A próxima semana comezarase coas plantacións. Deste xeito, está previsto que durante os vindeiros días se planten 519 plantas (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) en 18 fincas que comprenden uns 8.830 metros cadrados. O financiamento preciso para acadar os obxectivos descritos no Plan, nutrirase de fondos propios do concello de Ames e das achegas que se determinen co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da sinatura de convenios de colaboración, sen prexuízo da participación de outros entes públicos e privados en cumprimento das obrigas establecidas na lei de incendios e demais normas de aplicación. A execución deste anual deste plan ten un custo de algo máis de 50.000 euros.
Dende o goberno inciden en que se trata dun proxecto pioneiro e destacan a importancia do conseguido, de xeito que Ames pasará a ser un dos poucos Concellos galegos nos que se aposte por unha política activa de prevención dando valor ao monte.
Esta aposta do Tripartito permitirá actuar sobre as faixas máis perigosas para os veciños e revalorizar o valor das parcelas do monte da veciñanza. O alcalde quixo salientar o apoio e a implicación tanto dos veciños de Piñeiro, como do persoal técnico do concello, que ven que é unha aposta diferente fronte á política de incendios.
Reunión coa conselleira do Medio Rural
Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, e o técnico municipal, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para presentarlle o plan municipal de repoboación nas faixas secundarias de xestión de biomasa que se está levando a cabo no municipio amesán, co fin de diminuír o risco de lumes forestais.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalou que o seu departamento vai a estudar con detalle este plan. Na reunión a conselleira sinalou o importante do paso dado polo Concello e adiantou que polo seu interese o ente que preside buscará cofinanciar dito proxecto.
Para o alcalde as palabras da conselleira son un respaldo ao plan posto en marcha e espera que sirva de programa piloto para outros moitos Concellos. Nos vindeiros días o goberno trasladará toda a información aos grupos da oposición cun dossier de documentación que se está rematando.
A lei 3/2007 de incendios, que foi modificada pola lei de montes do 7 de xullo de 2012, sinala que os veciños/as que dispoñen de fincas forestais nun perímetro urbano, teñen a obriga que talar os pinos, eucaliptos e as acacias que existen nos 30 metros de perímetro próximos a vivendas e a zonas urbanas. Para dar cumprimento a dita lei o Concello de Ames está levando a cabo un plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, a través dun proxecto piloto que se está executando nos ámbitos 18 e 27 correspondentes á parroquia de Piñeiro. No termo municipal de Ames delimitáronse un total de 59 ámbitos e o obxectivo é estender dito proxecto a todos eles.
Para elo acaban de asinarse convenios con 15 veciños de Piñeiro, para repoboar as faixas secundarias de xestión de biomasa, en 18 parcelas de dita parroquia. Ademais, a primeira semana de marzo está previsto asinar novos convenios para realizar plantacións en outras 19 fincas. Deste xeito, este proxecto piloto executarase en 37 fincas, coa plantación de 1.000 plantas nunha superficie de arredor de dúas hectáreas. Trátase dun convenio para a xestión, roza e repoboación de fincas afectadas pola rede secundaria de faixas de xestión de biomasa en aplicación do plan de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do concello de Ames.
O goberno municipal a través deste proxecto piloto pretende fomentar o cumprimento da lei; a posta en valor dun terreo non explotable forestalmente; o control do monte baixo; a obtención de beneficios complementarios non madeireiros; e reverter a visión negativa que ten dita lei. A través da sinatura destes convenios propónselle aos veciños/as que realicen a plantación destas faixas con árbores frondosas-caducifolias. O Concello subvenciona o 80% dos traballos de roza, subsolado, aboado, micorizado, apertura manual ou mecánica e plantación. As especies que se empregan na repoboación son elixidas entre os veciños e mailo Concello.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello sustituirá eucaliptos y pinos por árboles frondosos para reducir el riesgo de incendios"
El Correo Gallego: "Ames afronta los incendios plantando más caducifolias"




