Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha o festival de verán Encontros Culturais no Pazo, que comeza este venres cun concerto de Roi Casal e co espectáculo de rúa Peter Punk

Martes, 02 de xullo de 2013

[02-07-2013] O Concello de Ames ten programado para este mes de xullo a primeira edición dun festival de verán que leva por nome Encontros Culturais no Pazo. Este certame, que se celebrará no Pazo da Peregrina os venres 5 e 12 de xullo e que será de entrada gratuíta, presentouse esta mañá. Na presentación, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e por varios dos artistas que participarán neste festival, que conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística. Todas as actividades realizaranse nos exteriores do Pazo.


Evento aberto e participativo
Na presentación, o alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que o festival de verán “é un evento aberto e participativo, así como unha mostra máis do compromiso do Concello de Ames coa lingua e a cultura galega”. O rexedor, que agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, destacou que “o obxectivo que se marca o Concello é seguir traballando e ofrecendo á cidadanía produtos culturais de calidade como este que hoxe presentamos”.

Durante a súa intervención, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, explicou que o festival de verán “nace con moita ilusión, con vontade de continuidade e con vocación de converterse nunha cita ineludible dentro do panorama cultural galego”. A concelleira subliñou, ademais, os obxectivos cos que nace este festival: “impulsar e dinamizar a nosa cultura, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística destacou que “a Rede de Dinamización Lingüística incluíu na súa programación propia para 2013 a posibilidade de ofrecerlles aos concellos unha actividade dirixida a potenciar a oferta de lecer en galego dirixida á mocidade para desenvolver nas festas estivais. En definitiva, trátase de achegarlles aos máis novos a lingua baixo un formato lúdico, atractivo e desenfadado que case cos intereses propios desa idade. Iso é Peter Punk, que recorrerá 36 festas locais doutros tantos concellos da Rede de Dinamización Lingüística ata finais do verán”.

O programa do festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' comezará este venres ás 20:00 horas coa actuación de Peter Punk, que representará un espectáculo de rúa no que combina as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas. Esta actividade, programada pola Rede de Dinamización Lingüística, é unha adaptación para fins de promoción da lingua doutra xa existente. Agora ofrece novos diálogos e números para presentar o idioma propio de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos.

Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, será a quenda do artista galego Roi Casal, que presentará xunto coa súa banda o seu último traballo, titulado 'Maxicamente vello' e co que realizou unha xira de máis de 50 concertos. Roi Casal é músico, compositor e cantante galego que toca a arpa céltica, a zanfona e o bouzouki. Formado co mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte do grupo Milladoiro no ano 2000. Tras case unha década no grupo, no ano 2009 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de Lendas douradas, disco galego máis vendido dese ano. En febreiro de 2011 publicou o seu segundo traballo, Maxicamente vello, no que de novo realiza unha interpretación da música galega desde unha visión contemporánea.

O festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' continuará a seguinte semana, o venres 12 de xullo. Nesta ocasión, o tema central da xornada será o baile, que chegará da man do grupo Pesdelán. Ás 20:00 horas, Pesdelán, integrado por sete membros, ofrecerá no Pazo da Peregrina un obradoiro de danza ao que poden asistir todas as persoas interesadas. Seguidamente, ás 22:00 horas, ofrecerán unha actuación que leva por título 'Na punta do pé'.

O grupo Pesdelán nace da unión de músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Berrogüeto, Leilía, Susana Seivane Grupo, etc). O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos arranxados de xeito orixinal e divertido. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, pretende recuperar o espírito participativo das festas. O seu obxectivo é substituír o concepto de público espectador polo de público participante.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pon en marcha o festival de verán Encontros Culturais no Pazo"
El Correo Gallego: "Roi Casal e o espectáculo na rúa de Peter Punk abren o festival de verán en Ames"