Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha Cultura de Bar, un programa para contribuír a dinamizar a hostalería amiense

Luns, 14 de maio de 2012

[14-05-2012] O programa Cultura de Bar está dirixido aos establecementos hostaleiros de Bertamiráns e O Milladoiro. Grazas a esta iniciativa, poderán participar nun sorteo de actividades culturais gratuítas, entre música, teatro, humor ou maxia, que se levarán a cabo durante catro venres do mes de xuño. O prazo de inscrición neste programa para os artesáns e hostaleiros interesados comeza hoxe e estenderase ata o vindeiro 24 de maio. Coa intención de facer máis atractivo o programa de 'Cultura de Bar' o concello anima aos hostaleiros a establecer un prezo máximo de 1 euro, que se publicitará como 'Tarifa plana 1€', polo menos nunha variedade de cada un dos seguintes produtos: auga, infusión, café, caña/clara e viño. Ademais das actividades culturais, Cultura de Bar tamén inclúe a posibilidade de que os establecementos hostaleiros poidan dispoñer dun espazo de exposición e venda de artesanía dentro dos seus locais durante unha fin de semana de xuño. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición para participar neste programa (hai dous impresos diferentes: un para os hostaleiros e outro para os artesáns).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, vén de poñer en marcha unha iniciativa coa que impulsar a dinamización da hostalería de Ames. O programa, chamado 'Cultura de Bar' e que conta coa colaboración da asociación de artesáns de Galicia 'Novos Talentos' e co apoio económico da Deputación da Coruña, celebrarase durante catro fins de semana do mes de xuño.

Co obxectivo de impulsar e dinamizar o sector hostaleiro do concello, os establecementos de Bertamiráns e O Milladoiro que desexen formar parte desta interesante iniciativa poderán participar nun sorteo de actividades culturais gratuítas, como poden ser por exemplo: espectáculos de música, teatro, humor ou maxia. Estas actividades levaranse a cabo durante catro venres do mes de xuño (os días 8, 15, 22 e 29) entre as 21:30 a 23:30 horas.

Coa intención de facer máis atractivo o programa de 'Cultura de Bar' o concello anima aos hostaleiros a establecer un prezo máximo de 1 euro, que se publicitará como 'Tarifa plana 1€', polo menos nunha variedade de cada un dos seguintes produtos: auga, infusión, café, caña/clara e viño. A marca da bebida servida baixo esta tarifa especial será elixida por cada establecemento e será aplicada soamente durante os días que se desenvolva o programa 'Cultura de Bar'.

Ademais das actividades culturais previstas para os catro venres de xuño, 'Cultura de Bar' tamén inclúe a posibilidade de que os establecementos hostaleiros poidan dispoñer dun espazo de exposición e venda de artesanía dentro dos seus locais. Estes stands, que correrán a cargo dos profesionais artesáns que participan no programa, estarán instalados en Bertamiráns a fin de semana do 8 ao 10 de xuño, mentres no Milladoiro estarán abertos ao público do 15 ao 17 de xuño.

Os stands de artesanía estarán situados nos establecementos hostaleiros entre as 12:00 e as 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A distribución das artesás e dos artesáns polos diferentes locais participantes decidirase mediante sorteo entre todos os que estean inscritos. Ademais, no marco do programa 'Cultura de Bar', a asociación de artesáns de Galicia Novos Talentos sorteará dúas cestas de produtos de elaboración propia entre a clientela dos stands participantes.

Desde hoxe mesmo, e ata o vindeiro 24 de maio, os establecementos hostaleiros e os artesáns interesados en participar en 'Cultura de Bar' poderán inscribirse nesta iniciativa. As inscricións poden realizarse na Casa do Concello de Bertamiráns e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, nun horario comprendido entre as 09:00 e as 14:00 horas.

Para obter máis información ou aclarar calquera dúbida pódense poñer en contacto coa Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, chamando ao número de teléfono 981 883 002 e preguntando polo departamento de Comercio e Promoción Económica.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Locales de Bertamiráns y Milladoiro tendrán los viernes de junio actuaciones en vivo"