Pestanas principais

O Concello de Ames pon a disposición da veciñanza seis parcelas nas hortas urbanas de Bertamiráns

Luns, 12 de outubro de 2015

[12-10-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, pon a disposición da veciñanza amesá seis parcelas das hortas urbanas de Bertamiráns. Todas as persoas que estean interesadas en optar ao uso dunha destas parcelas terá que presentar a correspondente solicitude por Rexistro nas Oficinas Municipais do Milladoiro ou na Casa do Concello en Bertamiráns. O prazo para presentación de solicitudes estará aberto dende o 13 ata o 30 de outubro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a ordenanza das hortas urbanas. Tamén podes descargar o impreso de solicitude e a declaración de coidado das hortas.

“Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo”, declara Catuxa García, concelleira de Medio Ambiente.

Para poder acceder á solicitude do uso das hortas deberanse cumprir os seguintes requisitos: ser maior de idade, figurar inscrito/a no padrón municipal de habitantes do Concello de Ames, estar física e psiquicamente capacitado para realizar traballo de horta, estar ao corrente no pagamento das obrigas tributarias municipais e asinar o documento de aceptación e cumprimento das obrigas expostas na Ordenanza reguladora das hortas urbanas solidarias e sostibles do Concello de Ames.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 13 ao 30 de outubro de 2015 debendo presentarse as devanditas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Ames. Para iso pódese acudir á oficina de rexistro do Milladoiro ou á Casa do Concello de Bertamiráns. Os interesados/as deben presentar a instancia na que se solicita a autorización de uso dunha parcela, unha fotocopia cotexada do DNI ou do documento que legalmente o substitúa, 2 fotografías recentes, unha fotocopia cotexada do libro de familia, unha declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta, e un informe médico onde se indique que o/a solicitante e/ou os membros da unidade familiar que vaian a cultivar a horta poden realizar tarefas agrícolas sen risco para a súa saúde.

Ademais os interesados/as poden presentar calquera documento que se estime oportuno para acreditar as circunstancias especiais que xustifiquen a autorización de uso de hortas sostibles e, se fose o caso, un informe dos Servizos Socias do Concello de Ames. O Concello comprobará de oficio o empadroamento e a ausencia de infraccións e débedas tributarias municipais.

Non poderán acceder a unha destas hortas urbanas as persoas que na súa unidade familiar teñan algún membro que xa sexa usuario/a de horta urbana municipal e sostible e solidaria do Concello de Ames. Tampouco poderán acceder a unha destas concesións as persoas que fosen privadas dunha horta urbana sostible e solidaria previo expediente de sanción.

Ademais os/as adxudicatarios/as das hortas deberán asistir a un curso de formación sobre “prácticas sostibles nas hortas urbanas”, impartido polo Concello de Ames, e deberán seguir o manual de boas prácticas de agricultura sostible facilitado no curso. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por un ano máis.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames sortea seis huertas urbanas en Bertamiráns y reasigna diez en Milladoiro"