[26-03-2015] O Concello de Ames solicitoulle á Deputación da Coruña unha subvención para finalizar un proxecto de conexión co polígono industrial do Milladoiro dende a parte posterior do Instituto de Educación Secundaria. En concreto, trátase de darlle continuidade a un tramo que vai dende o acceso traseiro ao centro educativo, na Avenida do Muíño Vello, ata á estrada de Ventín, na rúa Nova. O consistorio solicita ao ente provincial o financiamento do oitenta por cento do importe destes traballos, que acadan os 146.929,44 euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, que mantivo hoxe un breve encontro co titular da Deputación, Diego Calvo, expresoulle a necesidade de contar cun vieiro de acceso para permitir o paso de todo tipo de vehículos ao centro educativo. Por outro lado, destacou que a proximidade co polígono industrial e coa área comercial provoca, en determinados momentos do día, un incremento do tráfico rodado na actual zona de acceso peonil –Travesía do Porto–. “Todas estas circunstancias fan necesario acometer actuacións que faciliten a fluidez do tráfico e melloren a accesibilidade dos nosos veciños”, apuntou o rexedor amesán.
O Milladoiro, con preto de 15.000 habitantes, é o núcleo máis poboado do termo municipal de Ames e conta cun gran volume de poboación en idade escolar. O Instituto de Educación Secundaria, posto en funcionamento no ano 2013, ten na actualidade uns 500 alumnos e só dispón dunha entrada peonil a través do aparcadoiro da Casa da Cultura.




