Pestanas principais

O concello de Ames pecha o ano 2014 con 30.231 habitantes censados e segue a medrar

Luns, 29 de decembro de 2014

[29-12-2014] O Concello de Ames fai públicos os datos provisionais do censo municipal de 2014. A cifra total da poboación censada a 26 de decembro é de 30.321 habitantes.

Os datos debúllanse territorialmente da seguinte forma:

  • O Milladoiro = 12.352 habitantes, que representan o 41 por cento.
  • Parroquias rurais e urbanizacións = 9.747, o 32 por cento.
  • Bertamiráns = 8.222, o 27 por cento.

As dúas localidades principais, O Milladoiro e Bertamiráns, suman 20.754 habitantes, o 67 por cento da poboación total amesá. Divididos por sexos, hai máis mulleres que homes; en O Milladoiro hai 6.451 mulleres e 5.901 homes, mentres que en Bertamiráns hai 4.230 mulleres e 3.992 varóns.

Un dato significativo é que Ames é dos concellos máis novos de España, xa que un terzo da poboación está no rango de cero a dezaoito anos. Ademais o seu saldo vexetativo é moi positivo, onde os nacementos dobran amplamente os decesos.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destaca que tras o “extraordinario” desenvolvemento urbanístico antes da crise económica, o municipio mantén un “forte dinamismo poboacional” que obriga a “intensificar” as políticas de familia e xuventude. “O Concello inviste 58 euros por habitante en protección e promoción social e 272 en servizos municipais básicos. Temos unha partida de 120.000 euros anuais para as familias numerosas e un amplo catálogo de servizos de conciliación (bos días cole, comedores, tardes divertidas, escola de verán…), así como una densa oferta de escolas deportivas municipais e obradoiros culturais, entre outras actividades”, explica Santiago Amor. Con todo, Amor lembra que os datos non son só un éxito do Goberno actual, senón que son froito do traballo e das políticas desenvolvidas polos seus predecesores nos últimos quince anos.

Ames, o cuarto Concello galego con menos débeda

O Concello de Ames é o cuarto de Galicia con menos débeda por habitante, 18,56 euros, segundo datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O rexedor subliña que se fixo un gran esforzo durante o seu mandato para controlar as contas municipais: “Cando cheguei á alcaldía, en 2011, houbo que implementar medidas urxentes de contención do gasto público nunha conxuntura xeral de enormes dificultades. Os datos oficiais son claros e reveladores e, ademais, actualmente baixamos a 58 días a media do pagamento a provedores, cando antes mesmo chegaba a dez meses”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro acoge al 41 % del censo del municipio de Ames, que llega a 30.321 habitantes"
La Voz de Galicia: "Ames joven, Arzúa viejo"