Pestanas principais

O Concello de Ames participou no II Encontro Leader Galicia celebrado en A Estrada

Venres, 13 de setembro de 2019

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e a técnica de Turismo, Sonia Moure, participaron en A Estrada do II Encontro Leader Galicia que, baixo o epígrafe “O Leader e o turismo como dinamizadores do rural”, serviu para poñer de relevancia o investimento, a innovación e a cooperación que necesita Galicia para impulsar o rural galego. Asemade, púxose en valor o respaldo prestado desde esta medida a proxectos asociados ao desenvolvemento turístico, que entre 2007 e 2013 levou a cabo 644 iniciativas que posibilitaron a creación de 161 postos de traballo e a consolidación doutros 268.

A xornada iniciouse cunha mesa redonda na que se analizou o Leader no marco da nova PAC, e na que participaron representantes das dúas Redes Nacionais Leader, ademais dun representante das Redes asturiana, galega, cántabra e de Agader. De seguido, e coincidindo coa proxección dun vídeo sobre o Leader e o seu impacto no turismo, os asistentes puideron escoitar as intervencións institucionais a cargo de José Carlos López, alcalde de A Estrada; Luís López, presidente do GDR Pontevedra-Norte; José Antonio Santiso, presidente da Asociación dos GDR de Galicia; e José González, conselleiro do Medio Rural.

A mañá rematou coa presentación dos Premios Leader, á que seguiu unha degustación de produtos dos 24 territorios, aportados polos propios GDR e adquiridos a promotores Leader, e un xantar entre os técnicos e participantes do encontro. Xa pola tarde, a xornada continuou coa iniciativa “O programa Leader e o turismo: presentación de grandes fitos turísticos”, na que se falou do Xxeodestino: Pontevedra Norte: Deza -Tabeirós; da senda dos Faros; a reserva da biosfera Mariñas-Betanzos; o xeoparque Montañas do Courel; e outros xeodestinos xestionados polos GDR. O encontro rematou coa actuación musical de Odaiko e con xogos populares.

Imaxe do concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens

Multimedia

  • O Concello de Ames participou no II Encontro Leader Galicia celebrado en A Estrada