Pestanas principais

O Concello de Ames participará no segundo Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional

Xoves, 02 de febreiro de 2023

O Concello de Ames, como socio do Fondo Galego de Cooperación, participará no segundo Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional que se vai a desenvolver os días 7 e 8 de febreiro na cidade e Lugo. Por parte do Concello de Ames asistirá a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e o técnico de mediación intercultural, Leonardo Pena. A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, a FEMP e o Fondo Galego reunirán a responsables políticos e institucións de todo o Estado para impulsar a política pública municipal de cooperación e acción internacional. Está confirmada a asistencia da secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela.

Reflexionar sobre a política pública de cooperación ao desenvolvemento de concellos, deputacións, mancomunidades e redes municipais é o principal obxectivo do segundo Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, que terá lugar os próximos días 7 e 8 de febreiro no Concello de Lugo. O evento busca ademais visibilizar os esforzos dos municipios e poñer en valor o seu papel na consecución dun mundo máis xusto e igualitario, tanto na súa contorna máis próxima como a nivel global.

O impacto da cooperación municipalista nos denominados países do Sur, a implementación da Axenda 2030 a nivel local ou o novo marco legal que afecta as administracións locais neste ámbito son algúns dos temas que se abordarán. O programa inclúe ademais debates sobre as novas estratexias na educación para a cidadanía global e sobre a cooperación técnica realizada polo persoal municipal.

Tras o éxito de convocatoria do primeiro Encontro Estatal celebrado en Córdoba no ano 2021, Lugo será a cidade que acolla a representantes políticos, persoal técnico e membros das principais entidades e redes que apostan pola cooperación internacional impulsada desde o ámbito local e pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A inscrición pode formalizarse na páxina web do encontro.

Preto de duascentas autoridades políticas, organizacións non gobernamentais, personalidades do mundo da cooperación e o desenvolvemento sostible, entre outras persoas relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles, estudosos, investigadores e especialistas nutren xa a lista de confirmados.

Está confirmada a asistencia da secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela. A secretaria de Estado de Cooperación fará balance do traballo realizado e adiantará cara a onde se enfocará a nova Lei de Cooperación ao Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global.

Xunto coa secretaria de Estado de Cooperación, abrirán o acto a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente provincial, José Tomé Roca. Na inauguración, que terá lugar o día 7 ás 16.00 horas no MIHL, intervirán así mesmo representantes da Confederación de Fondos, o Fondo Galego e a FEMP, entidades organizadoras. A xornada seguirá coa primeira sesión plenaria.

Diálogo arredor da cooperación e acción internacional
O evento espera reunir a responsables políticos e institucións de todo o Estado para continuar o diálogo ao redor da política pública municipal de cooperación e acción internacional. Deste xeito, o martes 7 e o mércores 8 de febreiro uniranse esforzos, exporanse novos retos e compartiranse experiencias a través de diálogos políticos, sesións plenarias, talleres, intercambios técnicos e axenda cultural. Todo coa cooperación descentralizada municipal no centro e nun contexto crave para a cooperación ao desenvolvemento impulsada desde os gobernos locais.

O segundo Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento está organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, que xunta a máis de 1.300 gobernos locais activos en cooperación internacional, e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Conta así mesmo coa colaboración da Xunta de Galicia, Fegamp, Dirección Xeral de Políticas de Desenvolvemento Sostible, AECID e o programa DEAR da UE, ademais do Concello de Lugo e a Deputación de Lugo.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "O Concello de Ames participará no II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional"

O obxectivo do encontro é reflexionar sobre a política pública de cooperación ao desenvolvemento de concellos