[20-07-2012] Este xoves pasado o concelleiro de Traballo, Bernardo Moar, e o axente de desenvolvemento municipal reuníronse con técnicos provinciais do programa Rede Xiana2 e dos concellos da comarca para perfilar as accións e recursos dos que vai dispoñer o Concello de Ames dentro deste programa de fomento do emprego na provincia da Coruña, para municipios de menos de 50.000 habitantes, dirixido ás persoas desempregadas. O Concello de Ames solicitará ser sede outra vez da área 9 do programa Rede Xiana2. Ames foi sede sempre deste programa dende que a Deputación da Coruña puxo en marcha este proxecto.
Este xoves 19 de xullo o concelleiro de Traballo e o axente de desenvolvemento municipal reuníronse coa Deputación da Coruña, a través da súa Unidade de Xestión de Proxectos e con técnicos/as dos concellos da comarca, para coñecer as principais liñas de actuación, novidades e demais información do Proxecto RedeXiana2. Estas xuntanzas de traballo son o principal nexo de unión co alumnado e co territorio e constitúen un elemento crave na boa execución do proxecto. Durante esta xornada, fíxose entrega da guía de xestión para a rede técnica, así como informouse acerca dos procedementos de selección de sedes, de captación e selección do alumnado, informouse sobre as novas accións formativas e o sistema de axudas económicas á formación que ofrece este proxecto.
O programa Rede Xiana2 recolle cinco accións formativas de formación específica sobre as enerxías renovables, a industria e maquinaria, as actividades da agricultura, o transporte e loxística e a atención á dependencia. Este ano o alumnado poderá obter o certificado de profesionalidade das accións formativas que se imparten. O programa formativo do proxecto RedeXiana2 inclúe en relación á formación específica a impartir, unha fase de formación teórica e unha fase de prácticas non laborais en empresas de sectores relacionados coa área e actividade na que se está formando o alumno/a.
O proxecto RedeXiana2 en Ames
O Concello de Ames comezará o proceso selectivo do alumnado que participará neste programa durante o último trimestre deste ano. Unha vez feito este proceso selectivo, de cara a finais de 2012 empezaranse a impartir as acción formativas no Centro de Formación de Aldea Nova.
O programa Rede Xiana2 está dirixido tanto a persoas que desexan recibir unha formación para mellorar as súas posibilidades de emprego, como a aqueles que queren crear a súa propia liña de negocio, como a empresas que apostan por reflectir positivamente no territorio onde realizan as súas actividades.
Polo tanto, o Proxecto RedeXiana2 incide en tres eixes fundamentais; a formación para o emprego, a emprendeduría e creación de empresas; e a colaboración activa do tecido empresarial durante todo o período formativo en especial durante o período de formación práctica do alumnado.
Ademais, este programa conta cunha nova web e un servizo de intranet que van a ofertar e permitir o acceso non só á información e formación para o acceso a un posto de traballo, senón tamén á utilización de ferramentas e aplicacións que porán en contacto aos principais axentes do proxecto: as persoas, os concellos e o tecido empresarial. A través desta web interactiva facilitará a orientación, emprendeduría e a busca de emprego para os técnicos municipais, provinciais e o alumnado.
Programa de fomento do emprego
Co proxecto RedeXiana2, a Deputación da Coruña reforza o seu compromiso coas persoas desempregadas da provincia e segue apostando pola creación de emprego e por incrementar as posibilidades de inserción das persoas desempregadas nun panorama laboral actual marcado pola forte crise económica e combater así de forma coordinada desde o ámbito local, o crecente problema do desemprego.
O proxecto RedeXiana2 constitúese como un programa de fomento do emprego na provincia da Coruña, para municipios de menos de 50.000 habitantes, dirixido ás persoas desempregadas na busca do primeiro emprego, ou inactivas como consecuencia do abandono do traballo por coidado de fillos e que queiran reincorporarse ao mundo laboral, cunha perspectiva de estabilidade, a partir duns empregos con futuro e dentro dos novos xacementos de emprego.
Como novidade este ano este programa ten o sustento do pacto provincial polo emprego e está cofinanciado pola Deputación da Coruña, Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e o Fondo Social Europeo cun total de 1.865.028,91 euros.




