Pestanas principais

O Concello de Ames participará na xornada sobre comedores escolares sostibles da feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable BioCultura da Coruña

Xoves, 01 de marzo de 2018

[01-03-2018] Este sábado, 3 de marzo, o concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ames, David Santomil, participará na xornada sobre comedores escolares sostibles encadrada en Biocultura, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable que se celebra ao longo desta fin de semana na Coruña. A partir das 12:30 horas, David Santomil analizará os cambios producidos nos últimos anos no modelo alimentar dos comedores escolares de Ames. A feira celebrarase no recinto de EXPOCoruña.

O concelleiro de Cultura e Educación do Concello de Ames, David Santomil, participará este sábado na xornada sobre comedores escolares sostibles organizada dentro da feira Biocultura. A xornada comezará ás 12:00 horas cunha presentación da man de Andrés Muñoz, da asociación Del Campo al Cole. Ás 12:30h Damián Copena, membro do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, fará unha análise dos comedores escolares de Galicia.

Posteriormente, ás 12:30 horas será a quenda do concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ames, David Santomil, quen estará acompañado pola directora da escola infantil A Caracola da Coruña, Beatriz Ferreira. Durante as súas intervencións, ambos relatarán as súas respectivas experiencias de cambio no modelo alimentar dos comedores que xestionan. Por último, José Luis Pérez Cribeiro, distribuidor de peixes e mariscos de Cedeira, abordará o consumo de peixe nos comedores escolares. A xornada está organizada polas asociacións Del Campo al Cole e Vida Sana.

Na súa intervención, David Santomil, falará de cal debe ser o papel das administracións públicas para impulsar un modelo alimentario máis sostible e saudable; como xurde a iniciativa da Rede municipal dos comedores escolares de Ames; dos principios pedagóxicos que sustentan este modelo; de como se abastece; de que produtos se consumen; con que criterios se xestiona dito servizo; así como das satisfaccións e resistencias atopadas. 

O concelleiro de Educación e Cultura destaca que “para Ames é un orgullo poder asistir a este congreso a expoñer o modelo de comedores escolares que xestiona o Concello. Hai un ano xa se deu conta de dito modelo nas Xornadas de comedores escolares, organizadas pola Federación de ANPAS Compostela, en colaboración coa Confederación de ANPAS galegas”.

Un servizo que comezou no ano 2004
A Rede municipal de comedores escolares, que está incluída dentro dos servizos complementarios de educación e conciliación, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Trátase dun servizo xestionado directamente polo Concello, que comezou a prestarse no curso 2004-2005, e que está dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Actualmente, hai arredor de 1.200 alumnos/as matriculados/as nos comedores escolares.

O Concello de Ames dispón dunha técnica experta en nutrición e dietética que é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente, de xeito que non se repiten, e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais. Para a elaboración de ditos menús empréganse produtos ecolóxicos e de proximidade.  

Feira de Biocultura
Biocultura, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis importante do estado español, chega esta fin de semana á cidade da Coruña con máis de 200 expositores. A feira inclúe diversos sectores como o dos alimentos ecolóxicos, o dos produtos de hixiene e de cosmética, así como o téxtil, os ecomateriais, os mobles e a decoración para vivenda. Así mesmo, a feira tamén abordará as enerxías renovables, as terapias e as medicinas complementarias, o aforro e a reciclaxe, o turismo rural e os produtos culturais existentes relativos á ecoloxía e ao medio ambiente.