[23-01-2014] A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, acudiu esta mañá á presentación da fase comarcal do Club de Debate 2014, que se desenvolveu no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela. Neste acto, a concelleira amiense, estivo acompañada das concelleiras de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez, e de Teo, Carme Hermida. Este ano a fase comarcal do Club de Debate desenvolverase no Concello de Teo no mes de marzo. Nesta fase, ademais dos Concellos de Ames, Santiago e Teo, tamén participan os Concellos de Carballo e Rois. Esta é a comarca con maior participación no certame, xa que terá nove equipos, formados por un total de 75 estudantes.
O 16 de xaneiro asinouse en Ferrol a II addenda ao protocolo de colaboración mediante o que vén organizando o Club de Debate desde o curso 2011-2012. Cada un destes novos acordos confirma a participación dos concellos na organización do programa e, en cada caso, engade aqueles que se incorporan. Asemade determina as zonas de competición que vai haber na edición e quen acollerá a final, xunto coa súa data e tema.
Os concellos que organizan esta III edición conxunta van ser oito: Ames, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade nesta edición), Pontevedra, Rois, Santiago e Teo. A participación prevista é de 22 equipos e un total de 178 rapaces e rapazas (os equipos necesariamente teñen que ser mixtos) de 16 centros educativos.
O primeiro ano acolleu a final Pontevedra, o segundo Santiago e este terceiro tócalle a Ferrol, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega. O tema escollido para a fase final desta III edición é “Pódese vivir en galego” e a competición será o 26 de abril.
Para chegar a esta final, previamente desenvolveranse as catro fases comarcais, de cada unha das cales se clasificarán dous equipos. A zona de Santiago fórmana Ames, Carballo, Rois, Santiago e Teo. Cada un dos equipos está dirixido por un preparador ou preparadora, xeralmente profesores do centro, que guían os procesos de documentación e tamén de práctica previas.
Por Santiago competirán tres equipos, pertencentes aos IES Rosalía de Castro e Antonio Fraguas. Acompañaranos nesta fase comarcal catro equipos de Ames pertencentes aos IES do Milladoiro e de Ames (situado en Bertamiráns), un equipo de Teo e outro de Carballo. Este ano a fase comarcal do Club de Debate desenvolverase no Concello de Teo no mes de marzo.
Xornada de formación
Tanto os preparadores como os membros dos equipos desta fase comarcal de Santiago están convocados a unha xornada de formación, que se desenvolverá en Ames o día 4 de febreiro, de 9:30 h a 13:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nesta xornada formativa os participantes coñecerán polo miúdo o regulamento do Club de Debate e, polo tanto, as posibilidades e limitacións do desenvolvemento de cada sesión. A xornada, que tamén servirá para repasar e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, será a primeira ocasión para que os equipos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega.
Será nesta xornada de formación cando a organización e os preparadores fixen o tema do debate comarcal. En calquera caso, será un tema de interese e/ou actualidade para a mocidade e non necesariamente relacionado coa lingua, porque este aspecto xa se aborda no tema da final.
A lingua galega si estará presente en todo o demais, como corresponde a un programa que procura favorecer o seu uso por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego será o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, mellorarán a súa capacidade de síntese ou a súa oratoria, todos eles obxectivos do proxecto. E tamén será a ferramenta coa que se pretende promover o pensamento crítico e analítico ou fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.
Na fase comarcal os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural, educativo ou deportivo valorado en 500 e 300 euros. O equipo que consiga a vitoria na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe-convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que poida tamén poñer en práctica o idioma para coñecer novos aspectos da súa realidade.
Para obter máis información sobre esta iniciativa e fotografías das diferentes fases que se van desenvolvendo no Club de Debate 2013-2014, pódese acceder a súa páxina de Facebook premendo na seguinte ligazón: https://gl-es.facebook.com/pages/Club-de-debate/340173912683525




