Pestanas principais

O Concello de Ames participa no I Fórum do Camiño de Santiago que se celebra do 15 ao 18 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia

Xoves, 15 de outubro de 2015

[15-10-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, asistiron esta mañá a inauguración do I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway), que se celebra entre os días 15 e 18 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia. O Concello de Ames está presente nun stand adicado ao Camiño de Fisterra-Muxía, xunto cos outros concellos por onde transcorre esta ruta, que son: Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Os concelleiros do grupo municipal de Pacto por Ames, Ramón García Argibay e María González, tamén asistiron ao acto de inauguración deste evento.


Casa Escola-Obradoiro de Ana Rosa
A artista amesá Ana Rosa Lista, que imparte un curso de encaixe e bordados, no local social da Tarroeira, en Ortoño, está como artista convidada no I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway). O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, visitaron o stand “o Camiño do encaixe”, para conversar con Ana Rosa Lista. Ademais, a artista amesá ofrecerá hoxe, ás 20:00 horas, unha charla na Galería de Sargadelos, en Santiago de Compostela. Nesta charla tamén intervirá o escritor pontevedrés, Mario Gallego.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “esta é a primeira iniciativa que se realiza de forma conxunta entre todos os concellos polos que discorre o Camiño de Fisterra-Muxía. Agardo que sexa o comezo dun traballo conxunto estre todos estes concellos para potenciar este Camiño, que nos últimos tempo tivo un gran auxe, e se poidan realizar moitas máis actividades para poder potenciar esta ruta de peregrinaxe. O obxectivo do goberno municipal é potenciar o tramo do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, que transcorre polo concello de Ames”.

O stand do Camiño de Fisterra-Muxía, no que está representado o Concello de Ames, ten unhas dimensións de 4 x 3 metros (12 m²) e está dotado cun pequeno almacén, mobiliario, moqueta, rotulación, servizo de limpeza e de seguridade. O persoal técnico de cada concello é o encargado da atención ao público.

O deseño do stand está conformado por 3 paneis. O panel do fondo dispon dun mapa co trazado do Camiño dende Santiago ata Fisterra e Muxía, con información das etapas e os lugares por onde transcorre. A parte superior está ocupado polo lema “Aquí comeza o camiño” e unha foto de cada concello. O panel lateral dereito está composto por dúas fotos e un pequeno texto de cada concello, mentres que o panel lateral esquerdo está ocupado por un pequeno texto descritivo do Camiño.

O Fairway está composto, en realidade, por 3 eventos que se complementan entre si e que perseguen varios obxectivos. O primeiro é xuntar por primeira vez ás empresas e negocios que basean a súa actividade principal en torno aos Camiños para poñelos en contacto e establecer canais de negocio con operadores turísticos de ámbito nacional e internacional. Neste espazo é onde teñen cabida os concellos e organismos para a promoción dos seus recursos. A organización deulle o nome de Fairway Market.

Outro dos obxectivos é a celebración dun congreso sobre os Camiños de Santiago e outras rutas de peregrinación que existen en outras partes do mundo, que se denomina Fairway Fórum. Por último, coa celebración desta iniciativa tamén se persegue dinamizar e trasladar o evento á cidade de Santiago de Compostela mediante actividades culturais, que será o chamado Fairway City.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Camino de Fisterra tiene voz propia en el Fairway de Santiago"