[23-04-2014] O Concello de Ferrol acollerá este sábado, 26 de abril, no Teatro Jofre, a fase final do Club de Debate do curso 2013-2014. Os centros participantes pertencen aos concellos de Pontevedra, O Carballiño, Ames, Carballo e Ferrol. Participarán un total de oito equipos: 2 equipos de Pontevedra, 2 equipos de Ferrol, 2 equipos do Carballiño, 1 equipo de Ames e 1 equipo de Carballo. O Concello de Ames participa por primeira vez na fase final desta iniciativa. O equipo amiense está formado por 7 rapaces e rapazas e un profesor do IES Plurilingüe de Ames. A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames acompañarán ao alumnado de Ames.
O Club de Debate é unha interesante iniciativa na que participan cada ano varios concellos. A terceira edición deste proxecto está promovido polos Concellos de Ames, Teo, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade este ano), Pontevedra, Rois e Santiago. O pasado 16 de xaneiro todos os concellos implicados nesta iniciativa asinaron un acordo para organizar a terceira edición do Club de Debate.
Este proxecto leva xa tres edicións organizadas conxuntamente por varios concellos que, como noutras ocasións, asumen a responsabilidade de dar cumprimento ao Plan Xeral de Normalización Lingüística. O primeiro ano acolleu a final Pontevedra, o segundo Santiago de Compostela e este terceiro tócalle a Ferrol, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega.
O Club de Debate está dirixido a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización da nosa lingua, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Participaron 180 alumnos/as
Nas distintas fases locais da edición do curso 2013-2014 participaron 21 equipos de 16 centros de ensino, conformados por un total de 180 alumnos e alumnas dos distintos concellos. Cada equipo de traballo estivo coordinado por un ou dos preparadores que os asesoraron en aspectos como a procura de información, a disertación en público, a argumentación, etc.
Despois de que se desenvolvesen as fases locais nas comarcas de Santiago de Compostela, Pontevedra, O Carballiño e Ferrol, son oito os equipos que participarán na final galega. Estes equipos son o IES Plurilingüe de Ames; o IES Parga Pondal de Carballo; o IES Leixa e o IES Saturnino Montojo de Ferrol; o IES Nº 1 e o IES M. Chamoso Lamas do Carballiño; o IES Luís Seoane e o IES A Xunqueira 1 de Pontevedra.
O equipo do IES Plurilingüe de Ames está composto por Antía Freire García, Sandra Abel Grandío, Raquel Rodríguez Caamaño, Sofía Suárez García, Carla Vázquez Fernández, Paula Valiño Rivera e Tariku Novales Quintero. O profesor que coordina este grupo é Xosé Manuel Fernández López.
Os oito equipos enfrontaranse entre eles e terán que debater sobre o seguinte enunciado: “Pódese vivir en galego”. O horario de desenvolvemento da actividade é dende as 10.00 horas ata as 20.30 horas. Unha vez rematen todos os debates farase o reconto das puntuacións e darase paso á entrega de premios.
Composición do xurado
O xurado encargado de decidir quen é o equipo gañador estará formado por cinco persoas propostas polos concellos participantes. Os membros desta fase final son Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene; Adela Pita Permuy, técnica de normalización lingüística do Concello de Narón, Marta Fernández Alberte, profesora de ensino secundario, María Mercedes Torres Hermida, profesora dos Celga, e María Pilar López Suárez, tamén profesora dos Celga.
O equipo que consiga a vitoria na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe-convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que poida tamén poñer en práctica o idioma para coñecer novos aspectos da súa realidade.




