[25-04-2016] A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e maila nutricionista municipal do Concello de Ames participaron os días 21 e 22 de abril na asemblea xeral da Rede española de Cidades saudables que se celebrou na cidade de Cordoba. Alí, déronse cita 88 das 157 entidades locais que actualmente forman parte deste Rede. Ames adheriuse a esta organización no pasado mes de novembro de 2015. Nesta asemblea entre outras cousas deuse conta da xestión da Rede no período 2014-2015, aprobándose por unanimidade, elixíronse os vogais do Consello de goberno e aprobouse o plan de traballo para 2016-2017.
A asemblea xeral da Rede española de Cidades saudables comezou cunhas palabras da alcaldesa de Córdoba, Isabel Ambrosio Palos, que lle deu a benvida aos representantes dos 88 Concello participantes no evento. De seguido, abriuse a quenda de intervencións da man do presidente da Rede, Óscar Puente, alcalde de Valladolid, e dos vicepresidentes primeiro e segundo, Luís Partida e Santiago Llorente.
Nesta asemblea, entre outras cousas, deuse conta da xestión da Rede no período 2014-2015, aprobándose por unanimidade, elixíronse os vogais do Consello de goberno e aprobouse o plan de traballo para 2016-2017. Ademais, deuse conta dos traballos realizados dende a última asemblea.
Na actualidade estase traballando no incremento do ámbito local da Estratexia de promoción da saúde e prevención no sistema nacional de saúde, seguindo o acordo anual de colaboración subscrito co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias, así como apoiando as cidades na elaboración e posta en marcha das actuacións municipais de saúde.
Ao mesmo tempo a Rede está colaborando cos Observatorios Nutricionais e está mantendo unha liña de contacto e colaboración ca Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición para avanzar e mellorara nos hábitos de alimentación e actividade física nos Concellos. Tamén quedou constatado de que se debería falar dun financiamento máis xusto tendo en conta os parámetros de cada Concello.
Importancia das estratexias de envellecemento activo
Na segunda xornada, que se desenvolveu o venres 22 de abril, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e maila nutricionista municipal participaron na charla Cidades promovendo hábitos saudables, na que interviron o presidente da Rede, acompañado polo Secretario xeral da FEMP e representantes da Federación Andaluza de Municipios e Provincias e do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Asemade as representantes do Concello de Ames tamén asistiron á conferencia Actuacións e iniciativas para favorecer un envellecemento activo e saudable, da man do médico-xeriatra do Hospital Cruz Roja, Javier Gómez Pavón, onde puxo de manifesto o importante que son as estratexias de envellecemento activo e as actividades inter-xeneracionais.
De seguido, participaron nunha mesa redonda sobre experiencias locais, na que participaron representantes dos Concellos de Valladolid, Málaga, Santander e Puerto Lumbreras, que informaron aos asistentes sobre o resultado da aplicación do proxecto NUPHYCO nos seus concellos. O obxectivo principal deste proxecto centrouse en coñecer a calidade de vida relacionada coa saúde e a situación nutricional, funcional e cognitivo-afectiva dos veciños e veciñas, así como a adecuación dos recursos municipais segundo as necesidades obxectivas para alcanzar unha vida máis saudable.
Proxecto Fifty-fifty
Tamén coñeceron o proxecto Fifty-fifty promovido pola Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e a Fundación SHE, que se está desenrolando nos Concellos de Barcelona, Cambrils, Guadix, Manresa, Molina de Segura, San Fernando de Henares y Villanueva de la Cañada. A xornada do venres rematou cun relatorio da representante da Oficina Rexional Europea da OMS.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que como conclusións “dende os Concellos da rede solicítase máis financiamento para a Administración local, e que este se axuste aos parámetros de cada municipio, xa que estas actuacións en políticas saudables ao final repercuten nunha redución de custes en sanidade e non directamente sobre os Concellos”.
Luísa Feijóo engadiu que “debemos seguir avanzando en políticas de vida saudable, xa que repercute sobre a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Ademais, debemos seguir afondando na concienciación e difusión dos recursos dos que dispoñemos, apostando pola mobilidade sostible, fomentando tránsitos peonís e de mobilidade ciclista, non enfocados só cara o ocio senón tamén cara a conectividade. E sobre todo debemos coordinarnos cos centros de saúde e cos recursos públicos”.




