Pestanas principais

O Concello de Ames participa este sábado na I Xornada da Diversidade

Xoves, 22 de setembro de 2016

[22-09-2016] Este sábado 24 de setembro o técnico municipal Leonardo Pena participará na mesa redonda “Políticas municipais de inclusión”. Farao no marco da I Xornada da Diversidade, impulsada pola Federación de ANPAS de Compostela e pola Comisión da NEAE, na Cidade da Cultura. A xornada desenvolverase entre as 10:00 e as 14:30 horas do sábado.

O 24 de setembro o auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolle a I Xornada de Diversidade. O evento nace da iniciativa da Confederación de ANPAS de Compostela e a comisión da Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE).

O programa inclúe a charla impartida por COGAMI, a Confederación de Galega de Persoas con Discapacidade, “A Accesibilidade como contexto para a igualdade de oportunidades. Tras ela unha segunda con representantes de Equipos de Orientación Específica (EOE), na que exporán o marco legal actual das NEAE. Tras unha pausa para o café comezará a mesa redonda “Políticas municipais de inclusión”, na que intervén o técnico municipal amesán Leonardo Pena. A continuación, e para finalizar a xornada, a asociación ACHEGA presentará en “Unha mirada ao deporte adaptado” a súa labor difundido o deporte e as actividades culturais e de lecer a todo tipo de persoas, independentemente da súa condición física, psíquica ou social.

Na súa intervención o técnico Leonardo Pena achegará á audiencia o traballo “levado a cabo polo Servizo de Atención ao migrante dende 2007”. Un servizo creado para axudar a todas aquelas persoas que chegan a Ames, acompañalos no seu proceso de integración e adaptación e responder ás súas dúbidas e demandas “Exporei os programas e actividades que se foron organizando nestes anos, como os Encontros Interculturais”, cuxa celebración foi retomada este ano, “ou a colaboración con distintas ONG para a realización de actividades cos colexios”.