[10-04-2011] A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Milladoiro e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro son as beneficiarias da convocatoria de subvención que a Concellaría de Promoción Económica convoca cada ano para fomentar a actividade comercial no municipio. O goberno municipal acaba de realizar o pagamento de 34.730 euros destinados á promoción do comercio amiense. Despois de revisar toda a documentación presentada polas devanditas asociacións procedeuse á fiscalización do gasto presentado e posteriormente a facer o pagamento que se realizou dentro do prazo previsto. Esta achega municipal busca apoiar o comercio local, subvencionando as actuacións das distintas asociacións municipais, centrándose no eido da promoción comercial, a dotación de infraestruturas e equipamentos, a formación e elaboración de estudos.
O Concello de Ames fixo efectivo o pagamento das axudas destinadas á promoción do comercio amiense. A Concellaría de Promoción Económica sacou esta liña de axudas co fin de potenciar e apoiar o tecido empresarial e comercial amiense. Para iso o Concello realizou o pagamento de 34.730 euros. Desta axudas beneficiáronse a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns que recibiu 11.530 euros, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Milladoiro percibiu 11.267 euros, e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, 11.933 euros. Aínda que esta convocatoria de axudas estaba dotada de 42.000 euros, finalmente non se esgotou totalmente esta partida.
As asociacións beneficiarias tiveron de prazo ata o día 31 de marzo para presentar a documentación xustificativa dos gastos polos que recibiron as devanditas subvencións. Todas aquelas asociacións que nun primeiro momento non presentaron toda a documentación requirida no prazo legal tiveron que achegala posteriormente para poder recibir as contías aprobadas no pasado mes de decembro. Unha vez achegaron toda a documentación solicitada procedeuse á fiscalización do gasto e como consecuencia o día 1 de abril efectuouse a orde de pagamento do importe concedido a cada unha das asociacións, dentro do prazo previsto.
Estas axudas teñen como fin promover actividades e apoiar o desenvolvemento das asociacións de empresarios e de comerciantes existentes no concello co obxectivo de fortalecer e potenciar o tecido comercial e empresarial. Para poder optar a estas axudas as asociacións tiveron que estar legalmente constituídas e figurar inscritas no rexistro de asociacións de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade.
Segundo o disposto nas bases desta convocatoria, as asociacións situadas no concello de Ames puideron solicitar axudas de ata un máximo do 80% do orzamento, polas súas actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2010. Existen tres liñas de actuación para as que se puideron solicitar a axuda: cursos e estudos, infraestruturas e equipamento, e promoción comercial.
A promoción comercial é o eido no que máis cartos se outorgaron, cun total de 29.040 euros. Neste apartado encádranse as accións e proxectos destinados á comunicación comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de feiras, exposicións, congresos, etc. Deste xeito, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns percibiu 9.738 euros, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Milladoiro, 9.000 euros, e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, 10.302 euros.
Gastos de persoal
Como novidade na pasada convocatoria, dentro do apartado de promoción comercial, incluíronse os gastos de contratación de persoal destinados a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados, xa que a través do contacto coas asociacións tense detectado a dificultade que teñen estas organizacións para contratar profesionais debido aos elevados gastos que terían que afrontar en custos de persoal, e o importante que é para o seu desenvolvemento que conten con axuda profesional.
No que se refire á dotación de infraestruturas e equipamentos, concedéronse un total de 5.690 euros. Esta contía quedou repartida do seguinte xeito. A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns percibiu 1.792 euros, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Milladoiro, 2.267 euros, e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, 1.631 euros. Neste caso contemplouse a mellora das instalacións, adquisición de material de consumo, software propio ou páxina web; do mesmo xeito que os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales os gastos de aluguer de locais e xestoría.
Os criterios de valoración para a concesión das axudas ás tres asociacións solicitantes foron a periodicidade do proxecto ou actividade; o interese que ten a actividade que se leva a cabo; o importe do orzamento de gastos e ingresos específicos da actividade a desenvolver; o uso da lingua galega e a solicitude de axudas a outras administracións para a realización das actividades. Ademais nesta convocatoria valorouse positivamente a colaboración entre as asociacións comerciais do concello para a organización de diferentes eventos.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello amiense apoya al comercio con 34.000 euros"