Pestanas principais

O Concello de Ames organizou para o martes 14 de febreiro unha visita ao programa da TVG Tourilandia

Venres, 03 de febreiro de 2012

[03-02-2012] A concellería de Xuventude organizou para o vindeiro martes 14 de febreiro ás 19.30 horas unha visita como público á gravación do programa da TVG "Tourilandia". Poderán apuntarse mozos e mozas a partir dos 16 anos. Hai 50 prazas e escollerase ás persoas para ir por orde de inscrición. Pódese reservar praza no correo electrónico omix@concellodeames.org e nos teléfonos 609.802.481 e 616.083.229 ata o 9 de febreiro. A hora e o lugar de saída en autobús será confirmada por teléfono.

Tourilandia é o Programa de humor que presenta Xosé A. Touriñán, o que fora un dos integrantes de Mucha e Nucha.Touriñán, que tamén é o director do espazo, xunto con Xosé Arias, está acompañado por actores de longa traxectoria no mundo do humor como Federico Pérez, Isi, Isabel Risco, Iria Sobrado e Marcos Pereiro, que cada xoves dan vida a distintas personaxes.

 En "Tourilandia" hai sketchs, tanto no estudio coma en exteriores, convidados famosos que amosan a súa vertente máis artística, actuacións en directo de grupos musicais e da propia banda do espazo, parodias, comedias de situación, vídeos musicais, público activo en plató, entre outras seccións e algún orixinal concurso.

Neste "talent show", a xente da rúa pode amosar as súas dotes para o canto, baile, deporte ou demostrar a súa arte para realizar destrezas imposibles de clasificar, como virar tortillas, facer castelos de naipes, comer ovos cocidos, levantar pratos co nariz, facer versións de cancións con arrotos... calquera aptitude ocorrente ten cabida en "Tourilandia", sempre que se poida levar a cabo nun minuto de tempo. Para dar co talento máis sorprendente de todos, "Tourilandia" puxo en marcha o enderezo electrónico, videos@tourilandia.es, ao que os interesados poden facer chegar vídeos das súas proezas, xunto cos seus datos de contacto.

O Concello de Ames dalle a oportunidade a 50 persoas de asistir á gravación deste programa o martes 14 de febreiro. Os maiores de 16 anos poden apuntarte para ir a Tourilandia no correo electrónico omix@concellodeames.org e nos teléfonos 609.802.481 e 616.083.229 ata o 9 de febreiro.