[23-06-2015] A Milla Urbana chega este ano á súa décimo quinta edición. Un ano máis o Concello de Ames organiza esta carreira na que as persoas participantes, tanto atletas profesionais como afeccionados percorren unha milla, algo máis de 1.600 metros, excepto para as categorías inferiores (prebenxamín, benxamín e alevín). Nesta ocasión, a cita terá lugar o domingo 28 de xuño, a partir das 11:00 horas, na Travesía do Porto, situada na localidade do Milladoiro. Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta proba terán de prazo para apuntarse ata o xoves, 25 de xuño, ás 22:00 horas. As inscricións realizaranse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Non se admitirán inscricións o día da carreira.
A Milla Urbana é unha carreira que ano tras ano segue espertando o interese de atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas persoas que gozan correndo por entretemento e diversión. Os e as participantes deben percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio, por algunhas rúas do Milladoiro fixadas no circuíto que ten a saída e a chegada na área deportiva do Milladoiro.
Esta carreira, que está organizada pola concellaría de Deportes do Concello de Ames, pódese celebrar grazas á colaboración da Deputación da Coruña, da Federación Galega de Atletismo, de supermercados Gadis, da Policía Local de Ames, do Club Atletismo Sar, do Club Atlético Bertamiráns e do Club de Atletismo Milla Raio.
Non existe límite de participación en canto á idade. Para iso establécense diferentes categorías segundo o ano de nacemento dos deportistas: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil-júnior, promesa-sénior e cinco grupos de veteranos. As tres primeiras categorías deberán completar un circuíto cunha distancia axeitada á súa idade, polo tanto menos dunha milla. Tampouco hai esixencias especiais en canto a súa cualificación deportiva, dado que non é necesario ter licenza federativa nin tampouco pertencer a ningún club. O que si é necesario é estar inscrito para poder correr.
As probas contarán co control técnico da Federación Galega de Atletismo. O regulamento recolle algúns aspectos que cómpre destacar, como son o feito de que se poderán retirar os dorsais ata media hora antes do inicio da proba ou que os participantes deberán colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba. Ademais, tamén se establece que os tres primeiros clasificados en cada categoría levarán cadanseu trofeo. Neste sentido, os vencedores terán que acreditar a súa idade presentando o carné de identidade ou ben o pasaporte. A entrega de premios realizarase ao final de todas as probas.
Poñerase a disposición de quen o desexe un servizo de duchas no pavillón polideportivo do Milladoiro. Para calquera dúbida poderase chamar ao teléfono 981 884 991 pertencente a Oficina de Cultura e Deportes. As inscricións realizaranse ata o xoves, 25 de xuño, ás 22:00 horas, cubrindo un impreso que se pode atopar na páxina web www.carreirasgalegas.com. Non se admitirán inscricións o día da carreira.