[30-09-2014] O Concello de Ames celebrará os días 2 e 3 de outubro as IV Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero na Casa da Cultura de Bertamiráns. Baixo o título “Acércate á igualdade”, a Concellaría de Servizos Sociais pretende sensibilizar aos cidadáns en materia de igualdade entre homes e mulleres e traballar na prevención da violencia de xénero a través da estratexia da educación. A directora xeral do Instituto da Muller, Carmen Plaza, participará o xoves cunha charla sobre compromiso social pola igualdade. Está prevista a asistencia dunhas 600 persoas, entre profesionais, educadores, adolescentes, pais e nais.

As xornadas son de carácter gratuíto e estarán abertas a todo o público, grazas a colaboración da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Cóntase coa participación duns 600 asistentes. Celebraranse conferencias para profesionais e outras sesións destinadas a educadores, adolescentes, pais, nais e outros organismos relacionados coa igualdade de xénero. Ademais, haberá seis talleres sobre comunicación e liderado, técnicas de relaxación, educación en emocións dos nenos e nenas, defensa persoal, danza e saúde e un obradoiro de contos.
Conferencias, talleres e mesas redondas
Nas xornadas participarán expertos de recoñecido prestixio e variados perfís profesionais. Abrirá esta edición a xornalista, especialista en violencia de xénero, Pilar López e tras ela, intervirá a directora do Instituto da Muller, Carmen Plaza. A sesión do xoves continuará cunha mesa redonda sobre as formas de exclusión e mercado laboral a cargo da profesora de Ciencia Política e da Administración da USC, Marta Irene Lois, e a responsable do programa Woman Emprende da USC, Eva López. Contará coa presenza como moderadora da subdirectora Xeral de Traballo, María Coutinho.
A xornada do venres estará dedicada á educación e prevención da violencia de xénero e enfocada a un público adolescente, educativo e familiar. Ofreceranse conferencias sobre igualdade emocional e a convivencia nos centros educativos da man de persoal das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Finalmente, pechará esta cuarta edición o coñecido presentador de “Hermano Mayor”, programa da canle de televisión Cuatro, Pedro García Aguado. Ofrecerá un relatorio sobre aprender a educar e as relación dos mozos e mozas na familia.
Con esta iniciativa, o Concello de Ames quere facer fronte á “lacra social” da violencia de xénero mediante a educación e formación da mocidade co obxecto de “cortar a cadea que reproduce os estereotipos machistas que redundan na desigualdade e na violencia contra as mulleres” –sinalan representantes da área de Servizos Sociais–.
Todas as persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición na páxina web das xornadas – www.acercateaigualdade.com –. As xornadas, que tamén están abertas ás redes sociais, dispoñen dunha conta de twitter, @amesacercate, e os seus organizadores animan aos usuarios a empregar o hashtag #acercateaigualdade para deixar mensaxes ou imaxes a prol da igualdade e da erradicación da violencia de xénero.




