Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha xornada sobre mobilidade sustentable en estratexias urbanas integradas que se enmarca dentro do plan Impulsa Ames da EDUSI

Martes, 17 de abril de 2018

O Concello de Ames está organizando unha xornada sobre mobilidade sustentable en estratexias urbanas, que se enmarca dentro do plan Impulsa Ames. Este programa está incluído dentro da convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciado polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020. Esta xornada desenvolverase o mércores, 25 de abril, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo jornada.movilidad@ames2020.gal. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa de dita xornada que se desenvolvera de 10:00 a 19:00 horas.

A realización desta xornada sobre mobilidade busca reflexionar e contrastar propostas concretas sobre experiencias vinculadas á mobilidade urbana e á conectividade entre diferentes núcleos de poboación metropolitanos, como é o caso do concello de Ames. A mobilidade sustentable é un dos obxectivos temáticos das estratexias de desenvolvemento urbano de toda Europa, e en Galicia, pola elevada dispersión dos núcleos de poboación, cobra unha especial relevancia. Esta iniciativa de comunicación enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames, cofinanciada mediante o Programa Operativo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020.

Esta xornada de traballo está dirixida, en primeiro lugar, á cidadanía do municipio de Ames, que forma parte da necesaria dinamización e participación social na procura de solucións eficientes e eficaces. En segundo lugar, a xornada está aberta á participación de técnicos urbanísticos, profesionais da mobilidade e arquitectos, así como a calquera persoa interesada na temática que se vai tratar. Esta xornada desenvolverase o mércores, 25 de abril, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo jornada.movilidad@ames2020.gal

A devandita xornada comezará ás 10:00 horas co acto de inauguración que correrá a cargo do alcalde, José Miñones, e dun representante da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios. De seguido, ás 10:30 horas, haberá unha mesa institucional para falar da mobilidade no sistema urbano galego, na que participará Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; José Blanco, membro do Parlamento Europeo; e un representante da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Ás 11:15h realizarase un relatorio sobre a mobilidade en trasporte público en áreas metropolitanas, no que intervirán Julián Sastre, presidente do Instituto de la Movilidad; e Rosa Arce, directora do Centro de Investigación del Transporte (TRANSyT).

Mobilidade na área metropolitana de Santiago
Tras unha pausa de descanso, ás 12:45 horas, desenvolverase unha mesa redonda sobre a mobilidade na área metropolitana de Santiago. Neste mesa tamén se abordarán os problemas de mobilidade na área de Compostela, así como a experiencia en cada un dos municipios. Intervirán o alcalde de Ames, José Miñones; o concelleiro de Mobilidade do Concello de Santiago de Compostela, Jorge Duarte; a concelleira de Transporte do Concello de Teo, Concepción García; o alcalde do Concello de Oroso, Manuel Mirás; e mailo alcalde do Concello de Brión, José Luís García. As actividades da mañá rematarán cunha rolda de preguntas tras a realización de dita mesa redonda.

Pola tarde, ás 17:00 horas, haberá outra mesa redonda. Neste caso abordarase a mobilidade urbana sustentable, os retos e os desafíos. O moderador será Esteban López, experto en mobilidade. Participarán Xavier Pont, coordinador de proxectos da Área de Urbanismo e Mobilidade da Axencia de Ecología Urbana de Barcelona; David Alvárez, consultor de Afora Tráfico y Transporte; e Manuel Márquez, xefe do Servizo de Planificación e Explotación da Dirección Xeral de Mobilidade da Junta de Andalucía. Ao remate desta mesa haberá unha rolda de preguntas e pecharase a xornada.

A mellora da mobilidade e conectividade será un dos investimentos de maior calado cun plan de transporte público entre O Milladoiro e Bertamiráns complementado con transporte baixo demanda. A xornada que se vai a realizar a próxima semana enmárcase no traballo que hai que realizar neste eido que é un dos catro grandes obxectivos incluídos na Estratexia DUSI Impulsa Ames.

Contido relacionado:

Compostela 24 Horas: "El Concello de Ames organiza una jornada sobre la movilidad sostenible en estrategias urbanas integradas que se enmarca dentro del plan "Impulsa Ames" de la EDUSI"
Lindeiros: "Ames organiza unha Xornada sobre mobilidade sustentable"
El Correo Gallego: "Plazo para el presupuesto participativo amiense y el foro de movilidad Impulsa"

Cartel da xornada de mobilidade