Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha xornada de iniciación ao piragüismo para este sábado 20 de xuño

Mércores, 17 de xuño de 2015

[17-06-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, organiza este sábado, 20 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:00 e as 14:00 horas. Esta actividade ten a finalidade de que todos os amienses que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada será de portas abertas polo que poderán asistir todas aquelas persoas interesadas nesta actividade pero que sexan maiores de 7 anos. Para participar nesta actividade gratuíta hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas. O que si é imprescindible é saber nadar. Non é necesario inscribirse previamente.

A predición meteorolóxica apunta a que esta fin de semana vai facer bo tempo polo que o sábado é un bo día para iniciarse nun deporte de auga como é o piragüismo. Para elo a concellaría de Deportes organizou para este sábado, 20 de xuño, en colaboración co Club de piragüismo Ribeiras do Tambre e coa Deputación da Coruña, unha xornada de iniciación ao piragüismo.

Aprender a subirse a unha piragua, a manter o equilibrio e a manexar as palas para que a embarcación se desprace correctamente son os obxectivos básicos que persegue a actividade Achégate ao piragüismo, que se celebrará este sábado nas instalacións da praia fluvial de Tapia. O Concello de Ames conta coa colaboración do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre que se encarga de impartir esta actividade.

Así, todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo poderán participar e gozar desta xornada de portas abertas que se celebra todos os anos. As persoas maiores de 7 anos que saiban nadar poderán achegarse ata a praia fluvial de Tapia, entre as 11:00 e as 14:00 horas, para aprender a remar polo río Tambre, a controlar a dirección da piragua e algunhas outras nocións básicas. Recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta, e chancletas. Esta actividade desenvolverase na praia fluvial de Tapia, dado que neste lugar existen unhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La playa fluvial de Tapia acoge este sábado una jornada de iniciación al piragüismo"