- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude e a XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames), organiza este Nadal a primeira Xincana Xove, con probas para que a mocidade explore o concello e o coñeza de xeito participativo e divertido. O acto de presentación tivo lugar esta mañá na Casa do Concello. A actividade está dirixida a mozos e mozas entre os 14 e os 30 anos de calquera concello de Galicia, que deberán competir en equipo, e as inscricións poderán facerse a través deste formulario web.
Resolver 20 retos sobre distintos establecementos e lugares de Ames é a proposta que lle fai a Concellería de Xuventude á mocidade para as festas de Nadal. A actividade, que foi presentada esta mañá na Casa do Concello, xira arredor de Ames, a súa historia, a súa riqueza natural e patrimonial, e o seu comercio local, incluíndo desafíos relacionados con estas áreas. No acto estiveron presentes o alcalde, Blas García, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López, e a técnica municipal do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde.
Durante a presentación, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explicou que esta iniciativa busca implicar aos mozos para que descubran o concello. Nesta mesma liña se expresou o alcalde, Blas García: “esta actividade ten dous obxectivos claros: involucrar á mocidade, facendo actividades para a xente nova tanto do concello como doutros lugares, e darlles a coñecer o noso concello”
Outro dos puntos fortes desta xincana é a súa vinculación co comercio local, pois conta coa colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Segundo apuntou o rexedor, os distintos retos levarán aos participantes a visitar o comercio local, “un punto moi importante que desde o Concello queremos poñer en valor”. O presidente de XEA, Jorge López, aplaudiu a intención da corporación municipal de incluír ao comercio nas súas actividades, e fixo un chamamento á mocidade para que participe nesta iniciativa.
Proceso de inscrición
Para participar non é necesario residir nin estar empadroado en Ames. O prazo para inscribirse e participar é do 1 ao 15 de decembro. Trátase dun reto por equipos, que deberán estar formados por 3 mozos/as entre os 14 e os 30 anos. Unha vez finalizado o proceso de rexistro enviarase por correo electrónico unha autorización paterna (só en caso de participantes menores de idade) e un enlace para acceder á ficha de participación da xincana, que haberá que cumprimentar e enviar coas respostas.
Sorteo de premios
Unha vez enviadas e comprobadas as respostas, a cada equipo asignaráselle un número, que será enviado por email, e que servirá para participar no sorteo dos premios. Este sorteo público celebrarase o 18 de decembro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello, e del sairán os gañadores da xincana: o primeiro número que saia recibirá o terceiro premio, o segundo número recibirá o segundo premio e, finalmente, o terceiro número recibirá o primeiro premio.
Despois deste, farase un segundo sorteo de suplentes na mesma orde, para que no caso de que non se puidera contactar coas persoas do equipo beneficiado en primeiro lugar no prazo de tres días hábiles, se contacte e adxudique equipo ao suplente.
O resultado de ambos sorteos será comunicado a través de correo electrónico aos equipos participantes.
Premios da Xincana Xove
Os premios aos que optarán os participantes da xincana son: un primeiro premio de tres iPhone 12, un segundo premio de tres Apple Airpods, e un terceiro premio con tres vales de 80€ para compras en establecementos do comercio local de Ames.
Entregaranse o 31 de decembro pola mañá na Praza do Concello de Bertamiráns, durante as Prebadaladas de Nadal. Ao acto terán que acudir os premiados e, en caso de ser menores, os seus representantes legais. En caso de non poder acudir, deberán designar/autorizar a outra persoa a recoller o premio no seu nome coa suficiente antelación.
As bases da xincana e toda a información relacionada poden consultarse na páxina web do concello concellodeames.gal e nas redes sociais de xuventude ames XA!.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames convoca una gincana y certámenes de decoración navideña para vecinos y comercios"