[10-02-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura organizou para o vindeiro sábado 22 de febreiro unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón. Esta actividade enmárcase dentro da programación que organizou o Concello para celebrar o Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega. A programación de actividades continuará o domingo, 23 de febreiro, cun acto literario-musical. As persoas interesadas en participar nesta visita deberán formalizar a inscrición ata o vindeiro 19 de febreiro. Ofértanse un total de 55 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.
Os veciños e veciñas amienses poderán coñecer máis polo miúdo a vida e obra de Rosalía de Castro a través da visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que organizou o Concello de Ames para o próximo sábado 22 de febreiro. Para iso, porase á disposición da veciñanza amiense un autobús que saíra as 11:00 horas do Milladoiro e a continuación, ás 11:15 horas pasará por Bertamiráns, para recoller a todas as persoas que se inscriban nesta visita.
Os participantes irán en autobús ata a Casa Museo de Rosalía de Castro que se atopa en Padrón. Unha vez alí, os veciños e veciñas que participen nesta actividade recibirán unha explicación sobre a vida e a obra da escritora galega. Está previsto que a visita remate ás 14:00 horas. Cada participante terá que pagar a súa entrada para visitar a Casa Museo, que ten un custo de 1,20 euros. O custo do autobús corre a cargo do Concello de Ames.
Esta actividade enmárcase dentro da programación que organizou o Concello para conmemorar o Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega. A programación de actividades continuará o domingo 23 de febreiro cun acto literario-musical.
Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta visita poderán inscribirse ata o 19 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñibles 55 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.




