Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha ruta Rosaliana na que se inclúe a visita a Ortoño, a Bastavales e á Casa Museo de Rosalía de Castro

Mércores, 24 de abril de 2013

[24-04-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura organizou para o vindeiro sábado 4 de maio unha ruta Rosaliana, que inclúe a visita á Casa da Tarroeira, situada na parroquia de Ortoño, onde viviu Rosalía de Castro durante a súa infancia. Tamén se visitará a igrexa de San Xoán de Ortoño, a igrexa de San Xulián de Bastavales, onde se poderán escoitar as famosas campás desta igrexa, e a Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón. As persoas interesadas en participar nesta ruta deberán formalizar a inscrición ata o vindeiro luns 29 de abril. Ofértanse un total de 55 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.

Os veciños e veciñas amienses poderán coñecer máis polo miúdo a vida e obra de Rosalía de Castro a través da ruta Rosaliana que organizou o Concello de Ames para o próximo sábado, 4 de maio. Para iso, porase á disposición da veciñanza amiense un autobús que saíra as 10:00 horas do Milladoiro e a continuación, ás 10:15 h, pasará por Bertamiráns, para recoller a todas as persoas que se inscriban nesta visita.

A ruta comezará pola Casa da Tarroeira, situada na parroquia de Ortoño, xa que constitúe un dos principais fitos da ruta Rosaliana. Rosalía de Castro viviu nesta casa ata 1842, cando, tras cumprir 4 anos foi vivir coa súa nai para Padrón. Este lugar cobrou unha especial significación cultural cando o 12 de outubro de 1923 un conxunto de mozos universitarios visitaron a Casa da Tarroeira, para fundar o Seminario de Estudos Galegos. Neste lugar hai colocada unha placa que acredita que alí estivo o Seminario de Estudos Galegos.

A continuación, visitarase a igrexa de San Xoán de Ortoño que conserva a capela maior de finais do século XVII, aínda que sufriu varias reformas na estrutura. A fachada dispón dun frontón triangular coa imaxe de San Xoán Bautista. Como coroamento posúe unha torre cuadrangular con catro arcadas e lanterna octogonal reconstruída en 1859, data na que se realizaron obras na cúpula do cruceiro do templo, segundo indica unha inscrición. No seu interior garda unha escultura barroca de madeira do Cristo na cruz situado nun dos brazos do cruceiro.

Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro
Tras esta visita, os participantes irán en autobús ata a igrexa de San Xulián de Bastavales onde visitarán a devandita igrexa e escoitarán as famosas campás que inspiraron un dos máis famosos poemas de Rosalía de Castro. Para finalizar a ruta Rosaliana, irase á Casa Museo de Rosalía de Castro que se atopa en Padrón. Cada participante terá que pagar a súa entrada para visitar a Casa Museo, que ten un custo de 1,20 euros. O custo do autobús corre a cargo do Concello de Ames.

Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta ruta poderán inscribirse ata o 29 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñibles 55 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.