Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha programación musical específica para celebrar santa Cecilia

Mércores, 21 de novembro de 2012

[21-11-2012] Para festexar a onomástica de Santa Cecilia, que se celebra o 22 de novembro, a concellaría de Cultura organizou unha serie de actuacións musicais para este venres e sábado. Santa Cecilia é a patroa dos músicos e como tal o Concello de Ames organizou un fin de semana cheo de música. Este venres, ás 21:00 horas, haberá un concerto de música folk tradicional na Casa da Cultura de Bertamiráns a cargo do Trío Vaamonde, Lamas e Romero. A programación musical continúa o sábado 24 de novembro, ás 19:00 horas, cun concerto de corais no que actuarán a Coral Polifónica Endesa das Pontes, a Coral Polifónica de Bugallido e o grupo de pandereteiras As Maianas. Este concerto desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro.

A programación musical, que ten preparada a concellaría de Cultura con motivo da celebración de Santa Cecilia, comeza este venres, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actuación do Trío Vaamonde, Lamas e Romero. Trátase do trío máis retranqueiro da música galega que chega a Ames para presentar a súa nova proposta escénica, O Tambor de Prata, cun repertorio composto exclusivamente por temas dunha única formación da historia de Galicia, Os Trinta de Trives.

Como xa nos teñen acostumados, Suso Vaamonde, Pedro Lamas, Xosé Lois Romero, ofrecerán a súa particular visión cómica e sen prexuízos deste cuarteto que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras cuxa traxectoria é un cúmulo de singularidade, anécdotas e vangardismos Poderíase dicir que é o cosmopolitismo na montaña ourensá. Vaamonde, Lamas & Romero son boa música e mellor humor. Un bálsamo terapéutico e liberador para estes tempos de crise.

As entradas para asistir a este espectáculo poderán mercarse media hora antes do comezo da función na Casa da Cultura de Bertamiráns. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné. Tamén se poden reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 20:30 horas.

Concerto de corais
A programación musical continúa o sábado 24 de novembro, ás 19:00 horas, cun concerto de corais no que actuarán a Coral Polifónica Endesa das Pontes, a Coral Polifónica de Bugallido e o grupo de pandereteiras As Maianas. Este evento desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste caso a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames organiza unha programación musical específica para celebrar santa Cecilia"