Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha novidosa programación sobre a apicultura que se enmarca dentro do mes das abellas

Xoves, 06 de abril de 2017

[06-04-2017] Este venres, 7 de abril, comeza a programación do mes das abellas coa inauguración da exposición “As abellas gardianas do medio” e coa charla “A importancia da apicultura en Galicia”. Estas actividades desenvolveranse ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O sábado 8 haberá unha visita á A Casa das Abellas, situada en Abegondo, e o domingo 9 comeza o curso de apicultura, que está dividido en catro xornadas, e desenvolverase nas instalacións da Aula da Natureza. Tamén haberá un cata de produtos apícolas o sábado 29 de abril e un obradoiro no que se construirá unha casiña polinizadora e trampas para a vespa velutina o sábado 27 de maio.

O programa do mes das abellas abre este venres, 7 de abril, coa charla A importancia da apicultura en Galicia, a través da cal se pretende achegar a todos os públicos a historia da relación entre as abellas e os homes. Dende os tempos prehistóricos ata estes intres, falarase da tradición, transición e actualidade da apicultura en Galicia. O final da charla haberá tempo para que os asistentes poidan facer preguntas e comentar diferentes aspectos sobre os temas tratados.

De seguido, inaugurarase a exposición As abellas gardianas do medio da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que permanecerá exposta durante un mes na Casa da Cultura de Bertamiráns.

As actividades continúan o sábado, 8 de abril, cunha visita á a Casa das Abellas, situada en Abegondo. Haberá un autobús que sairá ás 10:15 horas dende a praza do Concello de Bertamiráns e ás 10:30 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Os participantes deberán levar a comida da casa. O regreso está previsto para as 17:00 horas. Para apuntarse nesta actividade hai que enviar un correo electrónico o enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.

A Casa das Abellas é un centro de divulgación apícola que conta a historia dunha pinga de mel `da flor á mesa´. Realizarase unha visita as súas instalacións para coñecer o mundo das abellas, como son, como viven, cal é a súa relación coas plantas. Os participantes visitarán as abellas que hai neste lugar vestidos de abelleiros e na melería extraerán o mel do panal, coñecerán como se fai as velas, ademais de coñecer as diferentes ferramentas do apicultor no seu traballo.

Curso de iniciación á apicultura
Ademais, os días 9, 22 e 29 de abril, así como o 6 de maio, impartirase un curso de apicultura nas instalacións da Aula da Natureza, en horario de 11:00h a 13:00 horas. Nesta actividade, que está dirixida ás persoas maiores e 16 anos, farase unha introdución sobre a reprodución das plantas con flor, da polinización e sobre a apicultura. Tamén se falará das flores dos meles de Galicia, das abellas, sanidade apícola, a colmea e os utensilios do apicultor, dos produtos das abellas e ofrecerase unha guía de boas prácticas apícolas. As 20 prazas ofertadas para este curso xa están cubertas e estase barallando a opción de realizar este mesmo curso noutras datas, xa que hai arredor de 15 persoas en lista de agarda.

Cata de produtos apícolas e obradoiro hotel de insectos
O sábado, 29 de abril, en horario de tarde, de 17:00 a 19:00 horas, tamén nas instalacións da Aula da Natureza, realizarase unha cata de produtos apícolas. Para esta actividade, que está dirixida a un público adulto que poderá estar acompañado de nenos/as, ofértanse 20 prazas. Nesta cata os participantes coñecerán diferentes produtos da colmea. Dita presentación farase co apoio de vídeos e cada participante terá a súa propia cesta de cata para que vaian experimentando con cada produto. Probaranse as tres variedades de mel máis representativos de Galicia (o pole, a xalea real e o propóleo).

Por último, o sábado 27 de maio, desenvolverase o obradoiro hotel de insectos, no cal se construirá unha casiña polinizadora e trampas para a vespa velutina. Deste xeito, será o momento de que os participantes nas actividades do mes das abellas, poidan colaborar coas abellas. Este obradoiro desenvolverase nas instalacións da Aula Natureza, en horario de 10:30 a 14:00 horas.