[27-04-2016] Este martes, 26 de abril, pola tarde desenvolveu unha mesa de traballo na que se presentaron as alternativas que se barallan para o cambio de modelo de xestión do servizo de recollida, aloxamento e coidado dos animais abandonados. O goberno municipal aposta por un modelo ético, respectuoso e no que non haxa que sacrificar aos animais. Nesta xuntanza participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, representantes dos grupos municipais da oposición, o inspector da Policía Local, clínicas veterinarias, propietarios de cans de Bertamiráns e do Milladoiro, así como asociacións protectoras.
O servizo de caneira e lacería do Concello de Ames está actualmente xestionado pola empresa Servigal. A labor do Concello en caso de atopar un can ou gato é prestar o servizo de recollida destes animais a través da empresa concesionaria do servizo, pero dende o goberno municipal apostan por “involucrar á cidadanía na procura dunha segunda oportunidade para estes animais”.
Deste xeito, tanto o rexedor municipal como a concelleira de Medio Ambiente fixeron diversas consultas en varios concellos galegos para coñecer o modelo de xestión que teñen neste servizo. Unha vez recollida esta información, este martes, presentaron as distintas alternativas que se barallan para o cambio de modelo de xestión do servizo de canceira e lacería, xa que o contrato coa empresa concesionaria remata en outubro.
Unha das opcións é volver a formar parte do refuxio de animais abandonados de Santiago de Compostela. O goberno municipal presentou onte o custe económico que suporía apostar por esta alternativa. Neste senso cómpre lembrar que a comezos deste mes de abril a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, mantivo unha reunión coa concelleira de Benestar Animal do Concello de Santiago, Noa Morales, para coñecer máis polo miúdo a actual situación a actual situación do refuxio de Bando.
Tamén se solicitou información sobre outros servizos como son os que ofrecen o refuxio do Concello de Ordes e mailo refuxio de animais de Pinar do Rei, pertencente ao Concello de Vilagarcía de Arousa. Ambos servizos son de xestión municipal.
A mellor opción é o refuxio de Cambados
Outra das opcións que se presentaron é pasar a formar parte do refuxio de Cambados, que na actualidade presta servizo a este municipio e ao concello do Grove. A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible sinalou que “esta é a opción máis factible xa que se axusta economicamente ás posibilidades que temos e porque se adapta ao que estamos buscando, xa que ademais de ofrecer os servizos de recollida, aloxamento e coidado dos animais abandonados, tamén desenvolven accións de sensibilización, protección e benestar animal a través da educación dos propietarios”.
Para explicar esta proposta, asistiron a esta xuntanza a directora deste refuxio, Olga Costa, e unha voluntaria da asociación protectora que xestiona o servizo. Catuxa García agarda que “o novo concelleiro que se vai encargar de xestionar a área de medio ambiente garanta a protección e benestar animal, xa que se trata dun compromiso do goberno, e que continúe co cambio no modelo de xestión do servizo de canceira e lacería, que aínda non está pechado, porque se están estudando diferentes vías para poder prestar o servizo completo de lacería”.
García tamén destaca que “creemos que non só hai que enfocar os esforzos no cambio de modelo de xestión, se non que tamén hai que desenvolver unha política de prevención e concienciación contra o abandono, así como a realización de campañas de vixilancia contra os propietarios que non teñen identificados os seus animais”.
Execución de parques para cans
No transcurso da reunión as asociacións protectoras e os concelleiros da oposición mostraron interese por saber como se atopa o proxecto de construción dun parque para os cans. A concelleira informoulles que “na actualidade se está agardando a que saía a resolución das axudas convocadas polo Fondo de Compensación Ambiental e que se trata dun proxecto que debe de realizarse porque é moi necesario”. Ademais, recalcou que “se trata dun proxecto que contou cunha ampla participación veciñal”. Por último dixo que “o proxecto do Milladoiro está pendente de ser deseñado e de que cheguen as contías de financiamento”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Defienden la entrada en la perrera de Cambados como mejor alternativa"




