Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha excursión a Portugal para o sábado 13 de abril

Martes, 02 de abril de 2013

[02-04-2013] Portugal será o destino da excursión que o Concello de Ames organizou para o próximo mes de abril. As concellarías de Cultura e Maiores organizan esta viaxe, que terá lugar o sábado 13 de abril, co obxectivo de ofrecerlle á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer dúas localidades lusas: Vilanova de Cerveira e Valença do Minho. Esta actividade está dirixida ás persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.

O 13 de abril, 150 veciños e veciñas do concello poderán achegarse ata Portugal para coñecer estas dúas poboacións e gozar da feira. A actividade custará tan só 25 euros e as persoas interesadas poden anotarse entre o 1 e o 5 de abril. As inscricións realizaranse por rigorosa orde de entrada.

A excursión comezará ás 8:30 horas da mañá do sábado 13 de abril coa saída desde Bertamiráns e desde o Milladoiro. Ás 10:00 da mañá está prevista a chegada a Tui, onde se fará parada para almorzar no Hotel Alfonso I. Ás 10:30 horas retomarase a viaxe cara a Vilanova de Cerveira, a onde está previsto a chegada para as 11:15 horas. Os/as asistentes terán tempo de visitar a localidade e a feira que se celebra cada sábado ata as 14:00, xa que a esa hora realizarase o xantar no restaurante Quinta de Amorinho.

Á tarde realizarase a saída en autobús cara a Valença do Minho, a onde está previsto chegar ás 16:15. Ata ás 19:00 horas, as persoas que participen na excursión terán tempo libre para visitar a Fortaleza e o tradicional mercado dos sábados. Ás 19:00 horas, a veciñanza amiense volverá cara Ames, onde se chegará ás 20:30 horas.

Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta excursión poderán anotarse entre o 1 e o 5 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Hai dispoñibles 150 prazas totais para a visita, que se encherán por rigorosa orde de inscrición. A actividade custa 25 euros. Este prezo inclúe o custo do autobús, almorzo e xantar. O importe deberá ingresarse na conta 2080 5215 38 3040000054 de Novagalicia Banco.